O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración presidiu hoxe a reunión extraordinaria do padroado do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) para traballar na mellora do complexo
O padroado do IFEVI apoia de xeito unánime a inmediata posta en marcha do Plan Funcional e o Plan Estratéxico do recinto feiral
Ao vindeiro padroado, que se celebrará en decembro, levarase para a súa aprobación unha proposta de comisión de traballo integrada por membros deste órgano e usuarios do recinto que participarán na redacción do Plan Funcional e o Estratéxico
Esta proposta de traballo tamén incluirá un cronograma para desenvolver tanto o Plan Funcional como o Plan Estratéxico no menor tempo posible, tal e como se pediu esta mañá de xeito unánime por todos os membros deste órgano
A reunión de hoxe marca o punto de partida para avanzar no futuro do complexo dentro da folla de ruta defendida pola Xunta para potenciar o IFEVI, sempre da man de todos os actores público-privados implicados no presente e futuro deste complexo
En declaracións previas, o conselleiro destacou que o estudo encargado polo padroado conclúe que o valor actual do IFEVI é de 35,6M, do que 20,6M corresponde ás construcións propiedade do IFEVI financiadas coas achegas da Xunta e 14,9M€ ao cedido durante 30 anos sen achegar a propiedade polo Concello de Vigo
Vigo, 25 de novembro de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, presidiu esta mañá a reunión extraordinaria do padroado do Instituto Feiral de Vigo co obxectivo de avaliar a situación actual do Ifevi e avanzar canto antes na mellora do complexo feiral. Na xuntanza, todos os membros do padroado apoiaron de xeito unánime a inmediata posta en marcha do do Plan Funcional e o Plan Estratéxico do recinto feiral.
Nesta liña, ao vindeiro padroado, que se celebrará no mes de decembro, levarase para a súa aprobación unha proposta de comisión de traballo integrada por membros deste órgano de goberno e usuarios do propio recinto —con actores estratéxicos como Conxemar—, que participarán no deseño do Plan Funcional e do Plan Estratéxico, así como no establecemento dun cronograma para desenvolver ambos documentos no menor tempo posible de cara a potenciar canto antes o futuro do recinto, tal e como se pediu hoxe de xeito unánime por todos os membros do padroado.
Deste xeito, e contando coa capacidade técnica e xurídica da Fundación Ifevi, o resultado da reunión de hoxe marca o punto de partida para avanzar xa no futuro do complexo da man da Xunta e de todos os integrantes do órgano de goberno e de usuarios fundamentais do recinto para poñer en marcha o deseño de dous documentos que serán chave para avaliar o presente e deseñar o futuro do recinto feiral, sempre buscando o entendemento institucional e a colaboración público-privada.
“Levamos un ano agardando pola sinatura do preacordo”
Na reunión de hoxe tamén se presentaron as conclusións dunha valoración independente encargada polo propio padroado do IFEVI para determinar a taxación de mercado das instalacións e que, segundo explicitou en declaracións previas á reunión José González, conclúe que, dun valor de 35,6 M€, 20,6M€ corresponden ás construcións propiedade do IFEVI financiadas coas achegas da Xunta e 14,9 M€ ao cedido durante 30 anos sen achegar a propiedade polo Concello de Vigo.
Con todo, o conselleiro evitou entrar nunha guerra de cifras e apelou ao preacordo de hai un ano, no que a Xunta cedeu con flexibilidade para pactar con Concello de Vigo e Zona Franca —que entraría no padroado coa achega de 18 M€— un modelo de cogobernanza tripartita. Lembrando que a Xunta leva un ano agardando para asinar este documento, e insistindo na man tendida, González incidiu na necesidade de avanzar xa na folla de ruta que permita impulsar esta infraestrutura “da man dos que conformamos o IFEVI para facer ese traballo forte de cara á súa potenciación”, remarcou.
Dentro da Fundación IFEVI, o Goberno galego e o resto de actores implicados comezarán agora a traballar no futuro do Ifevi, para o que resultará fundamental dispoñer do Plan Funcional —que definirá as necesidades operativas e organizativas actuais das instalacións— e do Plan Estratéxico, que marcará o modelo de crecemento, a captación de novas feiras, as prioridades de investimento e o posicionamento futuro do recinto feiral.