O Servizo Galego de Saúde destaca o papel dos profesionais na detección de posibles casos de violencia de xénero a través do cribado, que permitiu realizar máis de 1.300 entrevistas este ano

Os centros de saúde galegos desenvolven un protocolo de actuación no caso de detectar sinais de alerta nas consultas das mulleres maiores de 15 anos

As entrevistas realizadas na rede sanitaria pública galega no que vai de ano permitiron que 32 mulleres recibiran a atención e o acompañamento necesario

Na actualidade, máis de 4.300 profesionais do Servizo Galego de Saúde xa contan con formación básica en violencia de xénero para poder actuar dun xeito dilixente ante posibles casos de violencia machista

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, inaugurou esta mañá na Consellería de Sanidade unha xornada de concienciación sobre a erradicación da violencia de xénero na sociedade, un encontro no que puxo en valor o papel fundamental que xogan os servizos sanitarios na detección de posibles casos de maltrato.

Durante a súa intervención, Parada destacou que en moitas ocasións os profesionais sanitarios son o primeiro contacto que teñen as vítimas para poder contar a situación que están a vivir, representando tamén o primeiro espazo seguro ao que poden acudir.

O xerente do Sergas incidiu en que a violencia de xénero “non é un asunto privado, nin doméstico, nin individual” senón que representa un “problema estrutural” que precisa da implicación de todos os axentes sociais para combatela.

Neste senso, e co obxectivo de contribuír á eliminación da violencia contra muller, o Servizo Galego de Saúde puxo en marcha un cribado específico de violencia de xénero nos seus servizos de atención primaria. 

Así, cando unha muller maior de 15 anos acode a unha consulta e se observan sinais de alerta, os profesionais sanitarios desenvolvesen unha breve enquisa validada cientificamente coa finalidade de detectar posibles casos silenciados.

No que vai de ano, a rede sanitaria pública galega realizou xa máis de 1.300 entrevistas deste tipo que permitiron que 32 mulleres recibiran atención e seguimento ao detectarse risco.

Na actualidade, máis de 4.300 profesionais do Servizo Galego de Saúde xa contan con formación básica en violencia de xénero para poder actuar dun xeito dilixente ante posibles casos de violencia machista e así dar unha resposta integral a estes pacientes.

“A violencia machista é algo que podemos e debemos combater desde todos os ámbitos, e o sanitario ten unha posición privilexiada para facelo“ referiu Parada, quen trasladou o firme compromiso da Xunta de Galicia na erradicación deste problema social.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/11/2025