O presidente galego participa no acto institucional da Xunta polo 25-N na Coruña

Rueda pide a implicación de toda a sociedade na loita contra a violencia de xénero e destaca o labor de prevención que poden realizar as empresas

Asegura que se trata “dunha tarefa colectiva inacabada, pero na que se vai avanzando”

Insta a ser “inflexibles e non tolerar actitudes” que neguen esta realidade

Destaca a posta en marcha dunha guía para axudar ao tecido produtivo á hora de detectar posibles casos e saber como actuar

Xa son 300 as empresas adheridas a esta campaña para loitar contra a violencia de xénero desde o ámbito laboral

Anuncia que a Xunta vai habilitar no 2026 un protocolo único para as Policías locais de toda Galicia co fin de mellorar a primeira resposta ante posibles casos de violencia contra as mulleres

O Goberno autonómico investirá 55 M€ o vindeiro ano na loita contra a violencia machista e a promoción da igualdade de xénero, a cifra máis alta da historia de Galicia

A Coruña, 25 de novembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu hoxe a implicación do conxunto da sociedade na loita contra a violencia de xénero e apostou pola “detección, a concienciación e a educación desde nenos”. “É unha tarefa colectiva, unha tarefa inacabada, pero na que imos avanzando”, indicou á vez que demandou ser “inflexibles e non tolerar actitudes” que neguen esta realidade.

Durante o acto central do Executivo galego para conmemorar o Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, Rueda lembrou que esta é unha loita de toda a sociedade, na que ninguén pode quedar excluído, e destacou a importancia de contar coas ferramentas e os recursos para previr, detectar e actuar fronte a posibles casos. Nesta liña, salientou que a Xunta vén de habilitar unha guía para promover que as empresas sexan unha parte activa na prevención da violencia de xénero no ámbito laboral. “Pasamos moitas horas no traballo cada día, acabamos coñecéndonos todos e pode ser un lugar no que percibir actitudes, comportamentos ou reaccións que non son normais e que poden ser indicios dun caso de violencia de xénero”, salientou.

A guía de indicios para empresas: detección de vítimas de violencia de xénero busca axudar ao tecido produtivo á hora de identificar e previr este tipo de situacións e darlles información sobre as medidas e recursos que teñen que activar no caso de detectar algún posible caso. A medida xa conta con 300 empresas adheridas que chegan a máis de 300.000 traballadores e Rueda animou ao conxunto das compañías galegas a participar nesta campaña. “Tanto as grandes coma as pequenas, en calquera delas poder haber unha traballadora que sufre violencia machista”, destacou.

Novas medidas

Esta campaña, que se enmarca no compromiso de tolerancia cero coa violencia da Xunta, súmase a outras medidas que o Goberno autonómico vai poñer en marcha nos vindeiros meses. Nesta liña, Santiago contará cun novo centro de acollida para vítimas de violencia de xénero con algún tipo de adicción e Rueda anunciou que a Xunta vai habilitar no 2026 un protocolo unificado e homoxéneo dirixido a todas as Policías locais de Galicia. O obxectivo é seguir reforzando as actuacións para ofrecer unha primeira resposta áxil e eficaz ante calquera posible caso de violencia contra as mulleres.

Investimento récord nos orzamentos de 2026

A Xunta destinará 55 millóns de euros á loita contra a violencia de xénero e á promoción da igualdade durante 2026, unha cifra histórica que permitirá manter os programas e as medidas para previr e apoiar ás vítimas. Entre eles, as axudas económicas directas para promover a autonomía das mulleres agredidas -case 800 beneficiarias durante 2024-; o programa que ofrece atención psicolóxica gratuíta ás mulleres e menores vítimas desta violencia; os servizos de asesoramento xurídico ou o mantemento da Rede galega de acollemento así como dos centros de crise, abertos a finais de 2024, que ofrecen atención de xeito continuado as 24 horas do día os 365 días do ano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/11/2025