O delegado territorial de Pontevedra destaca a aposta da Xunta pola dixitalización e innovación do comercio galego

Reguera visitou a tenda de moda infantil Parruliños en Cambados, que utilizou a axuda de 11.000 euros para mellorar a súa presenza dixital e explorar novas formas de negocio

Estas axudas beneficiaron a máis de 700 comercios e artesáns en Galicia por valor de preto de 4 millóns de euros

Cambados (Pontevedra), 26 de novembro de 2025

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da tenda de moda infantil Parruliños, no concello de Cambados, que foi unha das beneficiadas polas axudas da Xunta para o impulso da innovación e a sostibilidade do comercio local e artesanal.

En concreto, esta empresa recibiu unha achega de máis de 11.000 euros que lles permitirá mellorar a súa presenza dixital e explorar novas formas de negocio.

O delegado territorial aproveitou a visita para felicitar á xerente do establecemento pola súa capacidade de adaptación aos novos hábitos de consumo e lembrou que “ademais de axudar ao pequeno comercio con campañas que funcionan moi ben como a do bono comercio, é imprescindible seguir apostando por subvencións que permitan aos comerciantes adaptarse para estar presentes nos mercados onde acoden os clientes”.

Cabe destacar que estas axudas beneficiaron a máis de 700 comercios e artesáns en toda Galicia por valor de preto de 4 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/11/2025