O conselleiro de Sanidade, acompañado do xerente da área de Santiago e Barbanza, Ángel Facio, mantivo esta tarde unha xuntanza coa alcaldesa de Muros, María Lago

Gómez Caamaño trasládalle á alcaldesa de Muros que a atención pediátrica no concello está garantida

Informa de que no centro de saúde de Muros son atendidos algo máis de 900 nenos e nenas, cumprindo as recomendacións das sociedades científicas en canto a número de pacientes por profesional

Lembra que a falta de médicos en especialidades como pediatría de atención primaria é un problema común en toda España

Convida á rexedora a unirse á reclamación de Galicia ante o Ministerio para adoptar medidas eficaces que aumenten os recursos humanos en especialidades deficitarias

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reuniuse esta tarde coa alcaldesa de Muros, María Lago, para abordar a situación da atención pediátrica no municipio, que está garantida polo Servizo Galego de Saúde, no marco das recomendacións das sociedades científicas en canto a número de pacientes por profesional.

Acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, o conselleiro de Sanidade indicou que a pediatra titular do centro de saúde de Muros, recentemente incorporada tras ausencia xustificada, asume a atención de algo máis de 900 nenas e nenos. Séguense así as recomendacións establecidas polas sociedades científicas da especialidade, que fixan unha referencia de 1.000 pacientes por cupo de atención pediátrica.

No centro de saúde de Muros quedou vacante outra praza pola xubilación do seu titular e a asistencia está a ser reforzada varios días á semana por outro profesional que, de maneira voluntaria, complementa a súa xornada ordinaria. O resto dos días, a pediatra actualmente en activo asume a atención dos pacientes adscritos a esa praza, garantindo así a continuidade asistencial.

Gómez Caamaño trasladoulle á alcaldesa de Muros as dificultades de cubrir as ausencias ante o déficit actual de profesionais de pediatría de atención primaria en toda España. Neste sentido, convidouna a sumarse á Xunta e ao Parlamento de Galicia e a reclamar ante o Ministerio de Sanidade medidas eficaces para paliar a falta de médicos de familia e pediatras de atención primaria.

En todo caso, cando se produce unha ausencia xustificada en Muros, os menores de 3 anos son atendidos por especialistas en pediatría nos centros de saúde de Noia, por razóns de proximidade xeográfica. Mentres que o resto da poboación pediátrica pode recibir unha correcta atención polos profesionais de medicina familiar e comunitaria do seu centro de saúde, que están altamente cualificados para a atención médica ás persoas ao longo de toda a vida.

Desta forma, a xerencia da área sanitaria santiaguesa xestiona de forma oportuna cada incidencia sobrevida en canto á cobertura de profesionais de categorías coas listas de contratación baleiras, polo citado déficit a nivel nacional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2025