A Xunta pon de relevo o aumento das axudas ao retorno no Uruguai como reflexo do compromiso coas familias galegas do país
Nunha xuntanza coa delegada do Goberno galego no Uruguai, o secretario xeral da Emigración destacou que as achegas ao retorno no país superaron en 2025 os 540.000 euros, entre axudas extraordinarias, a emprendedores e bolsas BEME
En total, a Xunta destina máis de 1 M€ en termos de atención aos galegos no Uruguai
Montevideo, 3 de decembro 2025
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, fixo balance en Montevideo das políticas de apoio ao retorno implementadas pola Xunta de Galicia, subliñando o notable incremento das axudas concedidas ás familias galegas procedentes do Uruguai durante o ano 2025. Nunha reunión coa delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez, Miranda salientou que as axudas extraordinarias ao retorno chegaron xa a 63 beneficiarios, cun investimento total de 168.050 euros, a cifra máis alta desde 2018.
Ademais, as axudas ao autoemprego permitiron apoiar 10 novos proxectos emprendedores, cun importe concedido de 76.000 euros, o que converte este ano nun dos de maior dinamismo emprendedor da diáspora galega no país. No ámbito educativo, 33 mozos e mozas do Uruguai obtiveron unha bolsa BEME en 2025, cun investimento global de 296.500 euros.
Miranda destacou que estas cifras consolidan o papel do Uruguai como un dos países de referencia no retorno galego e puxo en valor o labor da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, que desde a súa posta en marcha atendeu 1.447 consultas de persoas procedentes deste país.
O secretario xeral subliñou que a Xunta continuará reforzando estas políticas, que “permiten recuperar talento, apoiar proxectos de vida e fortalecer a conexión de Galicia coa súa diáspora”.