O Servizo Galego de Saúde publica os seleccionados no concurso de méritos e concurso-oposición de para a categoría de enfermeiro especialista en saúde mental
Ofértanse un total 33 prazas na categoría de enfermeiro especialista en saúde mental en ambos os dous procesos selectivos
A elección de destino será telemática a través de Fides/expedient-e, evitando o desprazamento dos seleccionados á sede do órgano convocante
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, as resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde polas que se dan a coñecer os aspirantes definitivamente seleccionados no concurso-oposición e no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para a categoría de enfermeiro especialista en saúde mental, e se abre o prazo para a elección de destino, procesos selectivos convocados por resolución do 15 e do 26 decembro de 2022, respectivamente.
No proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, convocado pola resolución do 26 de decembro de 2022, resultan definitivamente seleccionados dous aspirantes que se corresponden co número de prazas ofertadas para esta categoría neste proceso selectivo.
No concurso-oposición, convocado pola resolución do 15 de decembro de 2022, resultan seleccionados un total de 30 aspirantes. Neste proceso selectivo hai 31 prazas ofertadas, polo que queda unha praza vacante, ao non existir máis aspirantes que superaran a fase de oposición, tras excluír do concurso-oposición aos aspirantes que adquiriron a condición de persoal estatutario fixo nesta mesma categoría de enfermeiro especialista en saúde mental como consecuencia da resolución desta Dirección Xeral do 1 de abril de 2025.
Coa publicación destas dúas resolucións, ábrese un prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución (do 5 ao 19 de decembro de 2025) para que todas os aspirantes que participan no proceso seleccionen telematicamente, a través do sistema de información Fides/expedient-e, os destinos ofertados por orde de prelación entre a relación de prazas ofertadas.
Procedemento de elección de destino
A elección de destino realizarase a través do sistema de información Fides/expedient-e, conforme as bases de procedemento publicadas no DOG do 5 de xuño de 2020.
A aplicación informática fará visibles todas e cada unha das prazas que se ofertan na respectiva categoría e facilitará información ao aspirante da posición e orde de prelación que ocupa no proceso, a efectos de elección de destino, segundo a quenda de participación e puntuación acadada nel.
A selección de destinos efectuarase por orde de preferencia e requirirá a sinatura electrónica e presentación por rexistro electrónico.
O aspirante disporá das mesmas opcións que no acto presencial. Así, a aplicación permitirá a renuncia á participación na elección de destino e mesmo a elección dun número de prazas inferior ao da posición que ocupa no proceso.
Finalizado o prazo para a selección de destinos, o sistema de información efectuará a adxudicación automática, en función da quenda e orde de prelación acadada por cada aspirante no proceso e atendendo á orde de preferencia na selección de destinos efectuada por este.
Este procedemento telemático redunda nunha maior axilidade e simplificación dos procesos selectivos e supón un avance no dereito dos cidadáns de relacionarse electronicamente coas administracións públicas. Asegúrase a continuidade asistencial e o normal funcionamento dos centros sanitarios e evita o desprazamento dos aspirantes, como acontecía coa modalidade presencial.
Procedemento de opción de praza
Os aspirantes que estean seleccionados en ambos os procesos selectivos e resulten adxudicatarios de dúas prazas na mesma categoría (unha praza obtida polo sistema de concurso de méritos e outra polo de concurso-oposición) deberán optar por unhas delas.
As persoas adxudicatarias que se encontren nesta situación dispoñen de cinco días hábiles a contar dende a publicación do listado informativo de adxudicación de destinos na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) para manifestar a súa opción por unha delas.
A elección deberán formalizala por escrito nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dirixida á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde (Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela).
No caso de non manifestar nada ao respecto no prazo indicado, entenderase que optan pola praza que deriva do proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos.
Os aspirantes seleccionados poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con estes dous procesos selectivos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.