O conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades presentou os contidos no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela

A Xunta promove os valores democráticos na educación con novas unidades didácticas sobre a Constitución e o Estatuto

Román Rodríguez salienta a importancia de abordar estas cuestións na escola “como o espazo onde se constrúe unha cidadanía responsable, consciente do valor da democracia e preparada para preservar as súas institucións”

Estas unidades están dirixidas aos docentes que imparten Historia a alumnado de ESO e Bacharelato

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2025

A Xunta de Galicia vén de lanzar dúas novas unidades didácticas sobre a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Galicia que teñen como obxectivo promover desde as aulas os valores democráticos, así como os principios baseados na liberdade de pensamento, o espírito crítico e a neutralidade ideolóxica que recollen estas dúas normas da arquitectura democrática de España e de Galicia.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, presentou esta mañá no Instituto IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela o contido destas ferramentas didácticas que están dirixidas aos profesores da materia de Historia que imparten docencia a alumnos de ESO e de Bacharelato no sistema educativo galego.

O titular de Educación do Goberno galego salientou a importancia de abordar estas cuestións na escola “como o espazo onde se constrúe unha cidadanía responsable, consciente do valor da democracia e preparada para preservar as institucións”. Así pois, estas dúas unidades representan o compromiso “cos valores constitucionais e estatutarios de liberdade, igualdade, participación cidadá e respecto aos dereitos fundamentais” e consolidan os centros educativos “como transmisores da democracia”, abondou.

Contidos das unidades

En xeral, os materiais conteñen un percorrido pola historia constitucional española desde o século XIX ata a Constitución de 1978 e posterior aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia en 1981.

No caso concreto da unidade didáctica da Constitución Española, os estudantes comprenderán e aprenderán a división de poderes, dos dereitos e deberes cidadáns e da organización territorial. Tamén se abordan as características e diferencias territoriais, demográficas e económicas que existen entre comunidades así como o principio de solidariedade interterritorial como garantía de equilibrio social e democrático.

Na unidade didáctica do Estatuto de Autonomía, o alumnado poderá coñecer a importancia desta norma para o funcionamento dun Estado moderno, o proceso de aprobación do mesmo, as atribucións recollidas nel e a organización e características territoriais de Galicia, entre outros. Isto permitirá valorar a importancia das institucións autonómicas, o papel do autogoberno e o avance democrático que supuxo para Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/12/2025