A Xunta impulsa o programa ‘Adestrar sen pantallas, gañar en saúde’ para fomentar o lecer saudable a través do deporte

Os conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes e de Sanidade asinan o convenio coa Fundación Galega contra o Narcotráfico para a coordinación das actividades

A iniciativa implantarase como proxecto piloto nos concellos da Estrada, Cambados, Ribeira e Vilagarcía de Arousa

O obxectivo é promover desde o deporte unha maior sensibilización social sobre a necesidade dun uso saudable das pantallas entre a poboación máis nova

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2025

Os conselleiros de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinaron co presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Couceiro, un convenio para a posta en marcha do programa Adestrar sen pantallas, gañar en saúde. A iniciativa, dirixida a promover desde o deporte unha maior sensibilización social sobre a necesidade dun uso saudable das pantallas entre a poboación máis nova, implantarase como proxecto piloto nos concellos da Estrada, Cambados, Ribeira e Vilagarcía de Arousa.

En cada unha destas localidades seleccionaranse tres clubs deportivos de fútbol, baloncesto e ximnasia coa previsión de chegar a uns 500 rapaces e rapazas de categoría infantil, así como ás súas familias. Unha vez contactadas as entidades deportivas, realizaranse sesións de presentación ás familias e formarase as persoas adestradoras que impartirán o programa.

Adestrar sen pantallas, gañar en saúde céntrase no desenvolvemento de competencias emocionais e relacionais, nos riscos asociados ao uso abusivo de pantallas e nas estratexias para a promoción do benestar dixital. Así, as actuacións previstas buscan instar ás familias e á comunidade a tomar conciencia e a fomentar a práctica deportiva e a actividade física como alternativa de ocio saudable e desenvolvemento integral, a través de persoas adestradoras formadas de maneira específica.

Con esta medida quérese tamén favorecer a detección precoz e a prevención das novas formas de adicción entre a poboación máis nova, especialmente o uso compulsivo de Internet e as Redes Sociais ou a posible  adicción aos videoxogos, ao tempo que se fomenta o desenvolvemento de habilidades sociais, emocionais e físicas a través da práctica deportiva, como contrapunto ao sedentarismo e ao uso excesivo de pantallas.

Segundo se establece no acordo asinado, a Consellería de Sanidade financiará a implantación da fase piloto cunha achega de 22.200 euros, ademais de facilitar información sobre recursos, medios e programas específicos. Pola súa banda, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes cooperará a través da Escola Galega do Deporte na formación das persoas adestradoras e impulsará a adhesión de entidades deportivas ao programa, mentres que a FGN xestionará os recursos e coordinará as actividades. Os materiais didácticos e a formación acerca do programa serán desenvolvidos tamén pola FGCN en colaboración co Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

A implantación de Adestrar sen pantallas, gañar en saúde como proxecto piloto súmase así á iniciativa Adestra a túa saúde, dirixido a fomentar a práctica deportiva en persoas maiores de 60 anos, que tamén comezou de maneira experimental en 2022 nos municipios de Arteixo e Abegondo e que este ano se implantou en máis de 20 concellos.

Ambos os programas enmárcanse na aposta da Xunta polo fomento da práctica da actividade física e deportiva como ferramentas de saúde e benestar ao longo de toda a vida. Nesta liña, conta co plan Galicia Saudable que, desde 2012, foi desenvolvéndose no fomento da actividade física e a adopción dun estilo de vida activo, como claves para garantir o benestar e unha mellor calidade de vida desde a Infancia ata a vellez.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/12/2025