A Xunta promove en Lalín a escolla de profesión lonxe dos estereotipos de xénero a través do programa ‘Que non te líen, ti elixes’ dirixido ás novas xeracións

Lalín (Pontevedra), 9 de decembro de 2025

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe nunha nova xornada do programa Que non te líen, ti elixes, impulsado polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional co obxecto de concienciar ás novas xeración da importancia de escoller profesión atendendo ás capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por prexuízos ou estereotipos de xénero. Organizada pola Federación Galega de Talleres (Fegat), a charla de hoxe tivo lugar no IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín, un dos 91 centros de secundaria de toda a Comunidade que participa na cuarta edición desta iniciativa autonómica.

 

En concreto, 27 dos centros beneficiarios pertencen á provincia de Pontevedra, 36 á da Coruña, 16 á de Lugo e 12 á provincia de Ourense. Co propósito de seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores tradicionalmente masculinizados como o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro, o do metal ou as TIC, poranse sobre a mesa cuestións como as condicións laborais dos diferentes ámbitos profesionais e citaranse mulleres referentes de éxito en eidos con reducida representatividade feminina. Como novidade, nesta edición introduciranse tamén contidos relacionados coa presenza de homes en profesións consideradas tradicionalmente feminizadas, co obxectivo de rachar cos prexuízos ou estereotipos de xénero nas diferentes ocupacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/12/2025