Máis de 1000 persoas reciben o Bono Emancípate da Xunta tras o aumento do orzamento ata os 2,2 M€

O reparto, feito por orde de solicitude, correspóndese con preto de 600 mozos en réxime de alugueiro e case 500 para propietarios

A medida está dirixida a ser un apoio para a mocidade de entre 18 e 35 anos que queira independizarse

Nesta primeira edición, que arrancou cun investimento de 2 M€, recibiranse máis de 3.700 solicitudes

O vindeiro ano, a iniciativa alcanzará ata os 3 M€, para chegar a un maior número de beneficiarios

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025

Máis de 1.000 persoas resultaron beneficiarias do Bono Emancípate que a Xunta de Galicia puxo a disposición da mocidade de entre 18 e 35 anos para afrontar os primeiros gastos do seu fogar e cuxo esgotamento de crédito acaba de publicarse hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Deste xeito, a iniciativa para a que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recibiu máis de 3.700 solicitudes, resolveuse cun total de 1066 beneficiarias dos cales 584 están independizados en réxime de alugueiro recibindo neste caso 1.500€. Os 482 restantes, pola súa banda, contan cunha vivenda en propiedade e recibiron unha contía de 3.000€.

Neste senso, cómpre lembrar que o obxectivo deste programa é que os mozos e mozas galegas conten cun incentivo económico á hora de iniciar un proxecto de vida fóra do seu fogar habitual, e que se centra en sufragar a adquisición de mobiliario ou diversos artigos como os decorativos, obxectos do baño, téxtil ou certos electrodomésticos esenciais. Tamén poderán empregar a axuda en gastos que teñan que ver con xestoría e notaría ou derivados dos servizos de transporte de mudanza.

Deste xeito, trátase dunha liña de apoio complementaria a outras que teñen que ver co prezo de compra dun inmoble ou a renda do alugamento e que continúa vixente no vindeiro exercicio, no que o Goberno galego aumenta o investimento ata os 3M€ para chegar a un maior número de beneficiarios. O acceso a estas axudas está supeditado a certos requisitos como figurar dentro da franxa de idade indicada, ter, polo menos, unha fonte regular de ingresos, posuír a nacionalidade española ou dalgún dos Estados da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, ou estar empadroadas na vivenda na que van permanecer, entre outras cuestións.

Compras en tendas físicas galegas

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en marcha o Bono Emancípate para dar resposta ás demandas da mocidade galega ante as dificultades de acceso a unha vivenda de seu que lle permita iniciar un proxecto de vida independente. Así, con esta iniciativa trátase de complementar as políticas de vivenda que xa vén desenvolvendo a Xunta de Galicia cunha acción diferente, dirixida a cubrir en parte os gastos que leva consigo a posta en marcha dun fogar.

Esta proposta súmase a outras de carácter transversal nas que interveñen varios departamentos da Administración autonómica como é a promoción de vivendas colaborativas para menores de 36 anos.

Unha vez concedidas e comunicadas as axudas, fanse efectivas a través dunha tarxeta moedeiro virtual, expedida a nome da persoa beneficiaria, para ser usada ata o 31 de decembro de 2025 como data límite. Ademais, as compras que se realicen deberán facerse en comercios especializados, grandes superficies, empresas de mudanzas, xestorías e notarías que teñan establecemento aberto en Galicia e non se poderá utilizar en compras a distancia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/12/2025