A conselleira de Política Social e Igualdade participou hoxe na xornada ‘O modelo Galicia: transformando o Fondo Social Europeo en inclusión social real e efectiva’

A Xunta sitúa a Galicia como exemplo de xestión de fondos europeos en materia de inclusión social e destaca o seu impacto na redución do risco de pobreza

Explica que no período 2023-2027 o Goberno galego financiará 1.800 programas en materia de inclusión social e colaborará con máis de 125 entidades e concellos

Pon en valor que só no ano 2025 máis de 22.000 persoas se beneficiaron en Galicia de itinerarios personalizados, accións formativas e de apoio á inclusión residencial

Agradece a colaboración dos concellos e as entidades do terceiro sector coa Xunta na implantación de iniciativas de carácter social

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destaca que Galicia “é exemplo de xestión de fondos europeos en materia de inclusión social” e puxo en valor o impacto destas políticas na redución “a máximos históricos” das cifras de risco de pobreza. Así o explicou na xornada  O modelo Galicia: transformando o Fondo Social Europeo en inclusión social real e efectiva, celebrada esta mañá na Cidade de Cultura.

Na súa intervención, Fabiola García destacou que a xestión do FSE+ en Galicia “permitiu traducir os investimentos en resultados concretos”, especialmente no relativo á redución do risco de pobreza e exclusión social. Neste sentido, lembrou que en 2024 o risco de exclusión reduciuse 6,7 puntos ata situarse no 18,8%, a porcentaxe máis baixa da serie histórica, o que significa que preto de 180.000 galegos saíron da pobreza en só 12 meses. Ademais, os datos de pobreza infantil rexistrados son os máis baixos de todo o Estado, cunha baixada de 10 puntos para quedar no 16%, fronte ao 34,1% da media nacional.

Unhas cifras que, segundo explicou, “son resultado directo das medidas sociais da Xunta” en materia de apoio ás familias e á infancia, de inserción laboral ou de protección aos colectivos máis vulnerables. A conselleira tamén fixo fincapé en que estas cifras “reflicten como unha xestión transparente, estratéxica e eficiente do FSE+ pode influír directamente na mellora dos indicadores sociais”.

Durante o acto, Fabiola García puxo en valor que no período 2023-2027 o Goberno galego financiou máis de 1.800 programas en materia de inclusión social e colaborou con máis de 125 entidades e concellos. Ademais, explicou que só no ano 2025 máis de 22.000 persoas se beneficiaron en Galicia destas medidas.

A conselleira de Política Social e Igualdade tamén aproveitou o acto para agradecer a colaboración dos concellos e as entidades do terceiro sector coa Xunta na implantación destas medidas. Unha coordinación que, explicou, “evita solapamentos e garante que as iniciativas financiadas sexan complementarias entre si”.

Mesa redonda e casos reais

No acto tamén participaron o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o director xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda, Ángel Tarrío. Ademais, escoitáronse as testemuñas de persoas beneficiarias destas medidas e dos itinerarios de inclusión social.

Na súa intervención, o director xeral de Cohesión e Fondos Europeos, Ángel Tarrío Tobar, puxo en valor o reforzo das medidas de inclusión social planificadas pola Xunta no Programa FSE+ Galicia do período 2021-2027, que representan o 37% do importe do Programa e case un 40% máis que no período anterior. Na actualidade xa están en marcha proxectos no ámbito da inclusión social por unha contía superior aos 150M€ que están a beneficiar a case 60.000 persoas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/12/2025