O xefe do Executivo galego e a conselleira do Medio Rural mantiveron hoxe unha xuntanza con representantes destas industrias lácteas
A Xunta valora a unión de Clun e Leche Celta como oportunidade para seguir ampliando a transformación do produto desde Galicia e impulsar o valor engadido
María José Gómez asegurou que todas as propostas que impliquen o fortalecemento do sector lácteo galego “serán benvidas” e agarda que este caso sexa “unha alianza de éxito” que supoña crecemento para o sector primario e para Galicia
Lembrou que a comunidade é unha potencia neste sector nos ámbitos nacional e internacional, producindo o 42 % do leite de toda España e situándose no noveno posto en produción dentro da Unión Europea
Afirmou que este escenario é froito do “traballo e profesionalidade” dos gandeiros e explotacións da comunidade, que se atopan á vangarda internacional en termos de modernización; así como das industrias e da distribución
Salientou que alianzas coma estas son unha boa mostra de que o medio rural galego está “cheo de oportunidades” e recordou os apoios para favorecer a remuda xeracional
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2025
O Goberno autonómico valora a alianza entre a cooperativa Clun e Leche Celta como unha oportunidade para seguir apostando pola transformación desta materia prima desde Galicia e impulsar o valor engadido do produto. Así o afirmou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, tras unha xuntanza mantida con representantes destas empresas e presidida polo xefe do Executivo galego, Alfonso Rueda. Ambas expuxeron a súa estratexia de futuro.
En declaracións posteriores aos medios de comunicación, a titular de Medio Rural asegurou que todas as propostas que impliquen o fortalecemento do sector lácteo galego “serán benvidas” e agarda que este caso sexa “unha alianza de éxito” que supoña crecemento para o sector primario e para Galicia. A maiores, manifestou a necesidade de que esta unión sexa garante de estabilidade e seguridade para os produtores, tanto para os xa adheridos como para todos aqueles que poidan sumarse nesta nova etapa.
María José Gómez lembrou que a comunidade é unha potencia no sector lácteo nos ámbitos nacional e internacional. Galicia produce o 42 % do leite de toda España, situándose no noveno posto en produción dentro da Unión Europea, e na comunidade concéntranse máis do 50 % dos gandeiros do país. Ademais, transfórmase xa en Galicia preto do 75 % do leite que se produce, unha porcentaxe marcada como obxectivo dentro da Estratexia de dinamización deste sector.
Asegurou tamén que este escenario de puxanza é froito do “traballo e profesionalidade” dos gandeiros e explotacións da comunidade, que se atopan á vangarda internacional en termos de modernización; así como do bo facer das industrias, a distribución e o consumidores, que “na súa man tamén está apostar polo produto galego de calidade e polo crecemento do sector primario”.
Apoio á incorporación de mozos ao agro
A maiores, salientou que alianzas coma estas son unha boa mostra de que o medio rural galego está “cheo de oportunidades” e, dirixíndose directamente a aquelas persoas novas que queiran dedicarse ao agro, afirmou que terán o apoio do Goberno galego para facelo. “Falar en positivo do rural e do sector primario sempre é unha boa nova e é a mensaxe que debemos trasladar ás novas xeracións”, asegurou.
Neste sentido, recordou que estas persoas teñen á súa disposición formación especializada a través dos centros dependentes da Consellería do Medio Rural, ademais dunha liña de achegas específica que dende o ano 2009 xa favoreceu a incorporación de 5.000 mozos á actividade agrogandeira.
O Goberno autonómico está desenvolvendo un completo plan de asesoramento e titorización de novos incorporados, co fin de facilitarlles a entrada no sector e guialos nos primeiros pasos. Por último, mencionou o Banco de Explotacións, que procura promover a transmisión de explotacións entre persoas que queiran abandonar a actividade agrogandeira e outras que desexen dirixir o seu futuro laboral cara este sector.