O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración presidiu esta mañá a reunión do padroado do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi)
O padroado do Ifevi aproba por unanimidade a constitución dunha comisión de traballo de carácter técnico para deseñar o plan funcional e o estratéxico
No marco da folla de ruta para o impulso do recinto feiral, agora o seguinte paso será a designación dos representantes que integrarán este grupo por parte de cada unha das entidades participantes
O obxectivo é a celebración dunha reunión desta Comisión xa antes de final de ano para acordar un cronograma que rexerá os traballos destinados a desenvolver o Plan Funcional e o Plan Estratéxico do Ifevi no menor tempo posible
O conselleiro sinalou a importancia de avanzar xa na potenciación do espazo apoiándose na capacidade da Fundación Ifevi e da man dos usuarios do recinto, apostando por chegar a acordos con lealdade pero sen perder nin un minuto máis
En paralelo aos traballos xa iniciados no seo do padroado, o conselleiro volveu a trasladar hoxe a man tendida a Concello de Vigo e Zona Franca para avanzar nun modelo de cogobernanza no futuro do Ifevi
Mostra desta posición da Xunta, lembrou, foi aceptar unha nova valoración do Ifevi para reforzar a transparencia e a confianza de todas as partes, sempre que isto non atrase a folla de ruta que xa está a desenvolverse
Vigo, 12 de decembro de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado doutros representantes do Goberno autonómico, presidiu esta mañá unha nova reunión do padroado do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), na que se aprobaron os próximos pasos a seguir co obxectivo de avanzar xa na mellora e potenciación deste espazo. Deste xeito, hoxe aprobouse por unanimidade a constitución dunha comisión de traballo de marcado carácter técnico, cuxa misión será o deseño do Plan Funcional e do Plan Estratéxico do Ifevi no prazo máis breve posible.
Formarán parte deste grupo representantes da Xunta de Galicia, do Concello de Vigo, da Deputación de Pontevedra, da Confederación de Empresarios de Pontevedra, da Cámara de Comercio de Pontevedra, da Mancomunidade de Vigo e da Zona Franca. Ademais, o Padroado aprobou convidar a integrarse nesta nova comisión a Conxemar, Navalia e o Salón do Automóbil, en liña co compromiso de avanzar na mellora do recinto contando cos seus usuarios estratéxicos. Apoiándose na capacidade técnica e xurídica da Fundación Ifevi e co obxectivo de avanzar coa máxima axilidade, os seguintes pasos serán a designación, por parte de cada unha das entidades participantes, dos seus representantes técnicos na Comisión, así como a celebración dunha reunión antes de final de ano para acordar un cronograma que rexerá os traballos destinados a desenvolver o Plan Funcional e o Plan Estratéxico do Ifevi no menor tempo posible, tal e como demandaron por unanimidade todos os membros do Padroado, que posteriormente deberá ratificar ambos documentos.
“Avanzamos segundo o acordado”
En declaracións previas á reunión desta mañá, o conselleiro José González lembrou que a Xunta está a traballar para avanzar segundo o acordado, buscando o consenso e dando continuidade ao resultado do padroado extraordinario do pasado 25 de novembro. Deste xeito, o titular de Emprego explicou que o obxectivo da comisión de traballo “é avanzar do xeito máis áxil posible no Plan Funcional e no Plan Estratéxico para poder seguir potenciando o IFEVI, que é unha meta compartida por todas as partes”. Está comisión será un espazo de entendemento público-privado clave para definir e culminar con todas as garantías e no menor tempo posible os documentos que se inserirán nos vindeiros meses na folla de ruta da Fundación Ifevi. O titular de Emprego sinalou aos futuros froitos destes traballos como chave “para potenciar Vigo e a súa contorna” e que permitirán definir, no Plan Funcional, as necesidades operativas e organizativas actuais do IFEVI e, no Estratéxico, a captación de novas feiras e prioridades de investimento.
Man tendida a Concello e Zona Franca
José González remarcou que a vontade da Xunta é avanzar canto antes no impulso do Ifevi, apostando pola coordinación con todos os actores implicados. Dentro desta posición, e en paralelo aos traballos xa iniciados no seo do padroado, o conselleiro trasladou hoxe a man tendida a Concello de Vigo e Zona Franca para avanzar nun modelo de cogobernanza tripartita para o futuro do Ifevi.
Reflexo disto, sinalou, foi aceptar unha nova valoración técnica do Ifevi pactada co Concello de Vigo —solicitando a propia Xunta que participase tamén Zona Franca, e para o que se celebrará unha reunión nos vindeiros días—. Pese a que o recinto xa conta cunha por encargo do propio padroado, destacou que a Xunta non ten inconvinte en encargar outra co obxectivo de reforzar a transparencia e a confianza das tres partes á vez que se sinalou por parte do Goberno autonómico que isto non pode supor un obstáculo para os avances na folla de ruta que desembocará na potenciación desta infraestrutura.