Belén do Campo salienta en Silvereira Deseño, beneficiario das axudas da Xunta, o compromiso do Goberno galego coa promoción e a comercialización da artesanía

A delegada explicou que esta orde de axudas ten como finalidade reforzar a presenza do sector en feiras tanto dentro de Galicia como no ámbito nacional e internacional, contribuíndo así a mellorar a súa visibilidade e a abrir novas vías de comercialización

Belén do Campo adiantou que esta convocatoria volverase a abrir no 2026 dentro dun conxunto máis amplo de actuacións dirixidas a fortalecer o oficio artesán

Ames (A Coruña), 12 de decembro de 2025

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo,  visitou o obradoiro artesán Silvereira Deseño para salientar o impulso que supoñen as axudas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinadas á promoción e comercialización da artesanía galega. O taller, especializado en xoiería en prata de lei e madeira, recibiu varios apoios ao abeiro desta liña de apoio nos últimos tres anos. Ademais, este artesá recibiu, nos últimos anos, tamén apoios da Dirección Xeral de Comercio para impulsar a súa dixitalización e do programa de Comercio Circular para a posta en marcha de iniciativas de comercio sostible.

Silvereira Deseño combina as técnicas tradicionais co uso de ferramentas dixitais como o deseño asistido por computador e o corte láser, mantendo o traballo manual como sinal de identidade. As súas creacións, realizadas con madeiras autóctonas como o amieiro, destacan polo seu estilo propio e pola aposta por unha xoiería contemporánea.

Segundo apuntou a delegada, “o sector artesán desempeña un papel fundamental na creación de emprego, a dinamización económica e a fixación de poboación, especialmente no rural”.

Impulso ás feiras e á proxección exterior

A delegada explicou que esta orde de axudas ten como finalidade reforzar a presenza do sector en feiras tanto dentro de Galicia como no ámbito nacional e internacional, contribuíndo así a mellorar a súa visibilidade e a abrir novas vías de comercialización. Este apoio busca consolidar un sector diverso e en constante evolución, capaz de responder ás necesidades do mercado actual.

A representante do Goberno autonómico lembrou que neste 2025, un total de 82 talleres inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, xunto con dúas asociacións profesionais e catro concellos, resultaron beneficiarios destas axudas, que suman máis de 244.000 euros.

Compromiso da Xunta coa artesanía

Belén do Campo adiantou que esta convocatoria volverase a abrir no 2026, con 265.000 euros, dentro dun conxunto máis amplo de actuacións dirixidas a fortalecer o oficio artesán. Entre estas medidas destaca o novo programa de formación para aprendices, dotado con 1 millón de euros, destinado a garantir o relevo xeracional en actividades tradicionais.

A delegada incidiu no firme compromiso da Xunta de Galicia coa artesanía como ámbito de oportunidades e innovación, neste senso, está prevista a renovación das axudas específicas para a modernización e sostibilidade do comercio local e artesán (case 4 millóns de euros). Reforzarase tamén a difusión do sector mediante iniciativas como Artesanía no Prato, que continuará amosando a conexión entre creación artesá e gastronomía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2025