A Xunta felicita a ‘Raiolas’ no seu 25 aniversario polos avances logrados en favor das persoas con TEA
Lugo, 12 de decembro de 2025
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na celebración do 25 aniversario da asociación Raiolas, á que lle trasladou as felicitacións da Xunta “polos avances logrados durante estes anos de traballo en favor do benestar das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA)”.
Entre os pasos dados, Arias destacou o éxito que supuxo que Raiolas puxera en funcionamento o primeiro centro de día da provincia especializado na atención a persoas con autismo, que se suma aos servizos e programas de atención integral que desenvolven en Lugo.
O delegado salientou a colaboración da Xunta para impulsar estes recursos, e resaltou a importancia de seguir traballando conxuntamente coas entidades de iniciativa social de toda a provincia para ofrecer servizos alí onde se precisan.