Medio Rural destaca o papel de Leche Celta e a súa contribución ao fortalecemento do sector lácteo de Galicia nos Premios Cofer
A conselleira María José Gómez asistiu hoxe á gala de entrega destes galardóns, nos que recoñeceu o compromiso constante desta empresa co desenvolvemento económico e social do rural
Ferrol, 15 de decembro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe na entrega de premios da Confederación Empresarial de Ferrol, Eume e Ortegal (Cofer), que neste 2025 lle outorga o Galardón Empresarial ao grupo Leche Celta.
Gómez sinalou que este recoñecemento pon en valor o traballo, a innovación e o compromiso constante desta empresa co desenvolvemento económico e social do rural, e que contribúe a acadar o actual liderado de Galicia como referente no sector lácteo no ámbito nacional e internacional. Así, enxalzou a súa aposta pola calidade, a sustentabilidade e polo benestar animal, que demostran unha visión de futuro sólida. Referiuse tamén á recente alianza coa cooperativa Clun como un exemplo desta marcada estratexia, que fortalecerá a transformación do leite en Galicia e impulsará o sector primario galego, xerando emprego e valor engadido.
A conselleira louvou tamén o papel da Asociación Cofer, que desenvolve un labor fundamental que contribúe a consolidar unha Galicia máis forte e competitiva, así como para apoiar e visibilizar o tecido empresarial da comunidade.