O conselleiro de Sanidade interveu esta tarde, no Pleno do Parlamento de Galicia, no marco do debate e aprobación da Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas

Gómez Caamaño sinala como un logro de país a aprobación da lei que sitúa Galicia á cabeza na protección da mocidade fronte ás novas adiccións

Subliña o valor da prevención e a adaptación que achega a norma ante os novos retos da saúde pública, co foco posto na xuventude

Remarca que a lei se adapta aos cambios sociais e recolle novas substancias e condutas que xeran dependencia, como vapeadores, bebidas enerxéticas, xogos en liña ou o uso compulsivo das redes sociais

Agradece o traballo de equipos técnicos, xuristas e profesionais da saúde, ademais das achegas recibidas por entidades, asociacións e sectores implicados

Lembra que a Xunta aposta pola detección precoz e a prevención, como demostran os distintos programas de cribado e o calendario vacinal galego

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, cualificou como logro de país a aprobación da Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas, que sitúa Galicia á cabeza na protección da xente nova fronte ás novas formas de adicción.

Durante a súa intervención desta tarde no Parlamento de Galicia, no marco do debate e aprobación do texto lexislativo, o responsable autonómico lembrou que o Goberno de España está a dar os primeiros pasos para impulsar normas similares á lei aprobada hoxe no Pazo do Hórreo e que tamén o Reino Unido recentemente iniciaba o camiño para impedir o acceso de menores de 16 anos a bebidas enerxéticas.

Así, Gómez Caamaño destacou o valor da prevención para o Goberno galego “cunha norma viva, que se adapta aos cambios sociais e aos novos hábitos da mocidade”. Recolle a regulación de novas substancias e condutas que xeran dependencia como son os cigarros electrónicos, as bebidas enerxéticas, os xogos en liña ou o uso compulsivo das redes sociais.

“Aprobar esta lei é asumir que as adiccións non se combaten con indiferenza ou estigmas, senón con compromiso, prevención e políticas valentes baseadas na evidencia”, resaltou o conselleiro de Sanidade.

Neste sentido, Gómez Caamaño tivo palabras de agradecemento para o traballo das moitas persoas que participaron na elaboración deste proxecto de lei. Referiuse a equipos técnicos, xuristas e profesionais da saúde, ademais de entidades, asociacións e sectores implicados que realizaron as súas achegas ao texto.

Na mesma liña, o conselleiro de Sanidade subliñou a especial relevancia que teñen para a Xunta as políticas de prevención e detección precoz. “Así o proban os programas de cribados e o feito de dispor do calendario vacinal máis completo de España”, remarcou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/12/2025