A Xunta e o Concello de Pontevedra acordan manter en 2026 as bonificacións no transporte urbano, no que a demanda medrou un 9% con respecto ao ano pasado
Ao importe resultante do desconto xeral do 10% no prezo do billete para as persoas usuarias que paguen coa Tarxeta de Mobilidade de Galicia engádese unha rebaixa adicional de 50 céntimos nas viaxes urbanas
A prórroga do acordo inclúe a bonificación dos transbordos no municipio e as persoas usuarias seguirán beneficiándose dos descontos e bonificacións vixentes no conxunto do transporte público interurbano
Máis de 9.300 usuarios do concello de Pontevedra poden viaxar de balde en toda a comunidade grazas á tarxeta Xente Nova e á tarifa +65
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2025
A Xunta e o Concello de Pontevedra acordaron manter en 2026 as bonificacións no transporte urbano, servizo que se presta a través das concesións de transporte público autonómico e no que a demanda medrou un 9% con respecto ao ano pasado.
O Goberno galego e o Concello de Pontevedra asinaron a prórroga do convenio de colaboración polo que se activaron descontos nas viaxes de autobús realizadas dentro do municipio. O acordo de mellora das tarifas, que anticipa as actuacións de promoción do transporte público que se implantarán a través da Área de Transporte de Galicia, estenderá a súa duración un ano máis, ata o 31 de decembro de 2026.
Así, para as persoas usuarias que paguen coa Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG), o prezo do billete conta en primeiro lugar cun desconto xeral do 10 %. Sobre o importe resultante, o ano que vén manterase unha redución adicional de 50 céntimos nas viaxes con orixe e destino no termo municipal de Pontevedra, así como a bonificación dos transbordos, de acordo co convenio de colaboración co Concello.
A estas vantaxes súmanse os descontos e bonificacións vixentes no conxunto do transporte público interurbano para os pagamentos realizados coa Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG) e coa tarxeta Xente Nova. Así, unha vez aplicadas as rebaixas anteriores, engádese a bonificación adicional que a Xunta vén mantendo desde 2022 e que actualmente se sitúa nun 40%, tras a redución da achega estatal do 30% ao 20%. Ademais, mantense a gratuidade das viaxes para as persoas menores de 21 anos e maiores de 65 anos a través da tarxeta Xente Nova e da tarifa +65.
O conxunto das medidas de fomento do uso do transporte público da Xunta impulsou o crecemento da demanda nas viaxes urbanas de Pontevedra. Ata setembro, as persoas usuarias realizaron preto de 550.000 viaxes bonificadas, un 9% máis fronte a unhas 505.000 do mesmo período de 2024. En canto ao desconto, nos primeiros nove meses do ano, os usuarios que realizaron viaxes urbanas en Pontevedra beneficiáronse de máis de 250.000 euros de desconto pola aplicación das bonificacións deste convenio de colaboración.
Ademais, máis de 3.700 maiores de 65 anos e máis de 5.500 menores de 21 anos do concello de Pontevedra poden viaxar gratis en toda a comunidade grazas á tarifa +65 e á tarxeta Xente Nova, respectivamente.