Pontecesures mellora a eficiencia enerxética do edificio do antigo matadoiro grazas a unha achega da Xunta de preto de 63.000 euros

O delegado territorial destacou a importancia de levar a cabo obras que diminúan os gastos correntes dos concellos, así como o seu impacto ambiental

A subvención permitiu mellorar a calefacción e a ventilación do edificio, ademais de instalar novos puntos led e renovar portas e ventás

Pontecesures, 17 de decembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Pontecesures con motivo das obras de mellora da eficiencia enerxética do edificio do antigo matadoiro municipal.

Así, o concello contou cunha achega da Xunta de preto de 63.000 euros, o que supón o 80% do investimento total, que permitiu realizar varias actuacións clave. Por un lado, renováronse as luminarias, substituíndo as antigas por novos puntos de luz led de baixo consumo. Ademais, mellorouse a climatización e a ventilación do edificio mediante a instalación de radiadores de baixa temperatura e canos de cobre. Desta forma, satisfanse as necesidades térmicas do espazo, mantendo unha boa calidade do ar. Por último, renováronse varias ventás e portas do edificio.

O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a importancia de “seguir colaborando cos concellos para conseguir uns edificios máis eficientes que nos permitan construír unha Galicia máis sostible e que ademais faciliten o aforro nos gastos correntes municipais”.

Cabe destacar que o financiamento desta obra encádrase na Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027, que ten como obxectivo  contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático. Na área territorial de Pontevedra beneficiáronse desta liña de axudas oito concellos por valor de máis de 856.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/12/2025