O conselleiro de Educación comproba o avance das obras de ampliación do Colexio Rosalía de Castro e destaca un investimento de 3,5 M€ no Grove
Román Rodríguez salienta que se trata da primeira fase dunha ambiciosa intervención no centro, que en conxunto prevé acadar os 2,6 M€
Na primeira parte da actuación constrúese un novo edificio de máis de 950 m² para albergar o comedor e o ximnasio, entre outras instalacións
O Grove (Pontevedra), 18 de decembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, comprobou hoxe o avance das obras de ampliación do Colexio Rosalía de Castro, do Grove. Un concello no que, tal e como destacou, a Xunta está a investir case 3,5 M€ en diferentes obras nos centros educativos no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica.
Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta sinalou que xa están rematadas as melloras sectoriais nos institutos Plurilingüe As Bizocas (substitución de cuberta, canlóns e baixantes, 139.000 €) e Monte da Vila (cambio de luminarias, 126.000 €). Así mesmo, xa comezaron os traballos de ampliación do CEIP Rosalía de Castro (2,6 M€ en dúas fases) e está comprometida a rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe de Conmeniño, cun orzamento estimado de case 580.000€, e cuxo proxecto está en fase de supervisión.
Asemade, desde 2021 investíronse máis de 100.000€ en diferentes obras de mellora de pequena e mediana envergadura, ao abeiro do Plan Ben_Estar, que se desenvolven durante os veráns.
Ambiciosa intervención
No que atinxe á ampliación do CEIP Rosalía de Castro, o conselleiro lembrou que se trata da primeira fase dunha ambiciosa intervención neste centro. En conxunto, en dúas fases, prevese acadar un investimento de 2,6 M€, dos que a primeira parte, xa en execución, concentra case 1,7 M€.
As obras en marcha teñen como finalidade a construción dun novo comedor que substitúa o actual, situado nunha construción exenta no patio con escasa capacidade. Para iso, demólese o edificio de antigas vivendas de mestres e constrúese outro novo de dúas plantas que acollerá tanto o espazo para comer (93,4 m²) como un ximnasio de 244,8 m². Ademais, o novo volume contará con varios almacéns, sala de caldeiras, vestiarios, e un despacho, entre outras instalacións.
A superficie total ampliada será de 991 m² e o edificio terá 562,8 m² de cuberta de panel sándwich de aceiro galvanizado con recheo intermedio de espuma de poliuretano e 735,3 m² de fachadas, con illamento térmico polo exterior de poliestireno tipo SATE. Contará con 52 fiestras e 10 portas, que serán de aluminio, con rotura de ponte térmica e dobre vidro tipo Climalit.
A actuación completarase no exterior coa instalación de ramplas de acceso que garantan a accesibilidade ao novo edificio e dunha caldeira de pellets, en substitución da de gasóleo, para dar servizo a todo o colexio.
Neste momento xa están rematados os traballos de demolición para comezar coa construción do novo edificio. O prazo de execución das obras é de 12 meses, polo que se prevé o seu remate para finais de 2026.
Actuacións no edificio de aulas
A segunda fase da ampliación deste colexio contempla diferentes actuacións no edificio de aulas, incrementando a súa altura e redistribuíndo o seu interior para adaptalo aos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica, con espazos máis flexibles e versátiles.
Ademais, prevese a mellora da eficiencia enerxética mediante o cambio de fiestras e o illamento de fachadas, así como a renovación da iluminación e a mellora da accesibilidade, entre outras tarefas. O orzamento estimado para esta segunda fase é de preto de 900.000€.