O Servizo Galego de Saúde convoca novos procesos selectivos como persoal estatutario fixo de dietista-nutricionista, farmacéutico de atención primaria, médico de admisión e documentación clínica e odontólogo de atención primaria
Convócanse un total de 89 prazas para varias categorías de persoal sanitario
Esta é a primeira vez que se convoca un concurso-oposición para a categoría de dietista-nutricionista no Sergas, tras a creación da categoría en 2022, en liña co impulso dunha estratexia de saúde comunitaria
O prazo de inscrición nos procesos selectivos remata o 30 de xaneiro de 2026
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, as convocatorias de concurso-oposición para o ingreso nas categorías de dietista-nutricionista, farmacéutico de atención primaria, médico de admisión e documentación clínica e odontólogo de atención primaria.
O número de prazas ofertadas é de 45 na categoría de dietista-nutricionista, 31 na categoría de farmacéutico de atención primaria, 5 de médico de admisión e documentación clínica e 8 na categoría de odontólogo de atención primaria.
O formulario de inscrición estará dispoñible no expediente electrónico do profesional (FIDES/Expedient-e/Procesos/OPE) a partir do día seguinte ao da publicación destas convocatorias no Diario Oficial de Galicia. O prazo de inscrición remata o 30 de xaneiro de 2026.
As persoas interesadas en participar no proceso selectivo deberán posuír na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes e manter no momento da toma de posesión como persoal estatutario fixo, os requisitos recollidos na resolución de convocatoria.
Estar en posesión da nacionalidade española ou dun Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo non será un requisito de acceso a estas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, de acordo coa Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia.
Primeira convocatoria
Esta é a primeira vez que se convoca un concurso-oposición para a categoría de dietista-nutricionista no Servizo Galego de Saúde, tras a creación da categoría a finais de 2022, dentro das liñas de actuación da Administración sanitaria no ámbito da atención primaria, co fin de definir e impulsar unha estratexia de saúde comunitaria que integre, entre outros, aqueles factores que, como a dieta, están relacionados co estilo de vida.
O órgano convocante poderá verificar certos requisitos de participación a través da plataforma de interoperabilidade da Xunta de Galicia (PasaXe!). Isto implica que os aspirantes que non se opoñan no formulario de solicitude de participación á consulta a través da plataforma de interoperabilidade non terán a obriga de achegar certa documentación acreditativa como o DNI ou NIE, o certificado de discapacidade ou o certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial se foron expedidos por organismos da Comunidade Autónoma de Galicia, a certificación de antigüidade como demandante de emprego e de non percibir no momento actual prestación ou subsidio por desemprego en calquera parte do territorio nacional.
Fóra destes supostos ou cando conste a oposición expresa á súa consulta, os aspirantes deberán presentar a documentación acreditativa dos requisitos indicados na base segunda da convocatoria.
Os méritos a ter en conta na fase de concurso son os recollidos no Anexo IV da convocatoria e valoraranse con referencia ao día inmediatamente anterior, inclusive, ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
As persoas interesadas deberán rexistralos debidamente no seu expediente electrónico do profesional (Fides/expedient-e) e acreditalos documentalmente na forma e prazos indicados na convocatoria.
Na seguinte táboa pode consultar o número de prazas ofertadas por categoría e por quenda de acceso:
|
Categoría |
Acceso libre |
Promoción interna |
Discapacidade xeral |
Total prazas |
|
Dietista-Nutricionista |
19 |
23 |
3 |
45 |
|
Farmacéutico de atención primaria |
20 |
8 |
3 |
31 |
|
Médico de admisión e documentación clínica |
4 |
1 |
|
5 |
|
Odontólogo de atención primaria |
6 |
2 |
|
8 |
Os aspirantes poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con estes procesos ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.