A Xunta contribúe con máis de 17.000 euros á mellora do equipamento do parque biosaludable de Ortigueira

A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, e o alcalde da localidade, Valentín Calvín, supervisaron esta mañá as actuacións financiadas pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Ortigueira (A Coruña), 22 de decembro de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, achegouse esta mañá ao parque biosaludable do municipio para supervisar o resultado das actuación de mellora acometida nas instalacións con cargo a un convenio subscrito entre o Concello e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Os traballos valorados en 17.560 euros, consistiron principalmente na dotación de novo equipamento urbano de uso deportivo máis seguro e adaptado á normativa vixente co que se melloraron as condicións materiais do parque que se atopaba moi deteriorado.

A delegada territorial destacou estes espazos verdes como “contornas únicas para manter o corpo e a mente e forma” e aproveitou a ocasión para salientar o compromiso do Goberno galego por potenciar a saúde e o tempo de ocio a través da colaboración económica cos concellos para afrontar obras que beneficien como foi o caso, ao conxunto dos cidadáns para a práctica deportiva.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2025