Portos de Galicia impulsa a instalación de cargadores para vehículos eléctricos en Cambados, Combarro, Pontevedra e Portonovo

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2025

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, impulsará a instalación de cargadores para vehículos eléctricos en catro portos de titularidade autonómica da provincia de Pontevedra. O ente público está a tramitar unha autorización administrativa a favor da empresa Iberdrola para posibilitar estas instalacións nos portos de Cambados, Combarro (Poio), Pontevedra e Portonovo (Sanxenxo).

En concreto, a concesión permitirá a instalación de cargadores, cadros de baixa tensión e a liña soterrada para os surtidores. Ademais habilitaranse as prazas de aparcadoiro correspondentes reservadas especificamente para realizar a carga. O prazo de vixencia da concesión será inicialmente de 5 anos con posibilidade de prórroga por 2,5 máis.

Con este trámite, Portos de Galicia contribúe ao aproveitamento do dominio público portuario para instalacións de enerxías renovables e ao seu fomento entre os usuarios portuarios, en liña cos obxectivos da Economía Azul de Galicia, aprobada pola Xunta para o período 2024-2027.

Data de actualización: 27/12/2025