A Xunta convocará en xaneiro as axudas para a compra de vehículos eléctricos ou de baixas emisións
O programa Renova o teu Vehículo vai contar cun orzamento de 3,5 M€ e prevé contribuír á venda duns 1.600 automóbiles eficientes con axudas de ata 4.000 euros, que ascenden aos 4.600 para familias numerosas
Xa está aberto o prazo para que os concesionarios se adhiran como entidades colaboradoras, porque cómpre sinalar que a Administración fai o pagamento da axuda directamente ao establecemento de venda, sen que o beneficiario teña que desembolsala previamente
Estes apoios subvencionan a adquisición de turismos ou furgonetas cun custo inferior ou igual a 47.000 se se trata dun automóbil eléctrico
Deberase acreditar a baixa definitiva de circulación dun vehículo a achatarrar cunha antigüidade de, polo menos, dez anos no caso dun turismo ou de 5 se é unha furgoneta
Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2026
A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) convocará este mes de xaneiro unha nova edición do programa de axudas para a compra de vehículos eléctricos ou de baixas emisións dirixido a particulares e empresas.
A Xunta acaba de aprobar as bases desta nova convocatoria do programa Renova o teu Vehículo que este ano vai contar cun orzamento de 3,5 millóns de euros e que prevé contribuír á venda duns 1.600 automóbiles eficientes con axudas de ata 4.000 euros que ascenden aos 4.600 se se trata de familias numerosas.
Desde o pasado 31 de decembro, e ata o 15 de setembro de 2026, xa está aberto o prazo para que os concesionarios se adhiran como entidades colaboradoras, porque cómpre sinalar que a Administración fai o pagamento da axuda directamente ao establecemento de venda, sen que o beneficiario teña que desembolsala previamente.
Estes apoios subvencionan a adquisición de vehículos novos, turismos ou furgonetas, que cumpran unhas determinadas características de emisións e que teñan un custo inferior ou igual a 42.000 euros (Impostos incluídos). Esta contía amplíase ata os 47.000 euros (impostos incluídos) para vehículos eléctricos con autonomía maior a 30 km en modo eléctrico, e en 6.000 euros adicionais cando se trate dun vehículo adaptado para a utilización de persoas con discapacidade ou se dispón de oito ou nove prazas.
Para poder acceder a estas axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, será requisito imprescindible que o comprador acredite a baixa definitiva de circulación dun vehículo a achatarrar, que deberá ter unha antigüidade de, polo menos, dez anos se se trata dun turismo ou de 5 anos se é unha furgoneta. Un particular poderá adquirir un único vehículo e, no caso de ser autónomo ou empresa, ata un máximo de 10 unidades.
Os apoios favorecerán a mobilización directa de 37 millóns de euros, así como un aforro enerxético anual equivalente preto de 350.000 litros de gasóleo.
Esta convocatoria da Xunta complementa o programa estatal MOVES III 2025, con axudas para vehículos eléctricos e infraestrutura de recarga. Xustamente esta mesma semana, a Administración autonómica vén de ampliar os fondos en 14 millóns de euros coa previsión de dar resposta a todas as solicitudes recibidas en 2025.