A Xunta destina 1 M€ en axudas ao control do rendemento leiteiro co obxectivo de mellorar a xenética e a calidade do leite galego
Poden beneficiarse destas axudas as Africores da Coruña, Lugo e Pontevedra, asociacións oficialmente recoñecidas na comunidade para este labor
Serán subvencionables as actividades destinadas a comprobar sistematicamente as producións e outras aptitudes funcionais das femias reprodutoras leiteiras, para a determinación do valor xenético e os méritos ou outras capacidades dos animais
Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para o control de rendemento leiteiro, dotadas cun orzamento de 1 millóns de euros, das cales se poderán beneficiar as Africores da Coruña, Lugo e Pontevedra, entidades oficialmente recoñecidas na nosa comunidade para a realización destes labores.
Esta liña de achegas pretende compensar en parte, mediante achegas proporcionais, os gastos xerados ás entidades oficialmente recoñecidas para a realización do control leiteiro en Galicia, en atención aos importantes beneficios que o sector no seu conxunto recibe pola implantación xeneralizada deste sistema.
As actividades subvencionables serán todas aquelas destinadas a comprobar sistematicamente as producións e outras aptitudes funcionais das femias reprodutoras leiteiras, para a determinación do valor xenético e os méritos ou outras capacidades dos animais, no marco dun programa de cría aprobado oficialmente para a raza.
O control de rendemento leiteiro ten unha influencia directa no desenvolvemento do sector lácteo galego como base da mellora xenética nos esquemas de selección e dende o punto de vista da sustentabilidade e rendibilidade económica das explotacións. Polo tanto, os beneficiarios últimos desta iniciativa son os propios gandeiros e, por extensión, os consumidores, xa que o control incide directamente na mellora da calidade final do produto. Ademais, as melloras xenéticas e tecnolóxicas que se logran grazas ao control de rendemento leiteiro benefician a todo o subsector lácteo.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260102/AnuncioG0426-011225-0001_gl.html