A campaña “Mete a tripla da túa vida” da ADOS e o Básquet Coruña mobilizou máis de mil persoas durante o pasado mes de decembro
As unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue realizaron medio cento de desprazamentos nos barrios da Coruña e concellos da bisbarra
Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2026
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Club Básquet Coruña acadaron coa campaña “Mete a Tripla da túa vida”, desenvolvida o pasado mes de decembro, a participación de máis de 1.000 persoas nas visitas das unidades móbiles da ADOS que acudiron ata a cidade da Coruña, así como os concellos da bisbarra coruñesa.
A iniciativa, enmarcada na campaña de fomento da doazón no período de Nadal, forma parte do programa “16 partidos, 16 causas” que promove o Club Básquet Coruña e que ten por obxectivo dar a coñecer distintas actividades de índole solidaria, como a doazón de sangue, e acadar unha maior participación por parte da cidadanía.
A campaña presentouse o pasado 7 de decembro, cunha intensa campaña de información e sensibilización na que tomaron parte os xogadores Guillen Jou e Dino Radoncic que gravaron vídeos difundidos a través das redes sociais da ADOS e do Básquet Coruña, animando á cidadanía a doar sangue.
Agasallando a participación
Todas as persoas que doaron sangue na Coruña e a súa bisbarra entraron no sorteo de 30 entradas para presenciar o partido oficial entre o Leyma Coruña e Alega Cantabria que terá lugar no Coliseum coruñés este domingo 4 de xaneiro. Ademais, entre todos os participantes realizouse o sorteo dunha camiseta asinada por todos os xogadores do Básquet Coruña.
A ADOS quere agradecer ao Básquet Coruña (directiva, corpo técnico, xogadores, seareiros e seareiras...) a súa especial sensibilidade en torno á doazón de sangue, así como o seu decidido compromiso para impulsar este xesto solidario na Coruña, agardando que, coa súa contribución, a cidade continúe sendo un dos concellos galegos con maior número de doazóns.