A Xunta apoia a mellora da praza de abastos de Mondariz-Balneario co gallo de impulsar a venda de proximidade e de dinamizar o comercio local
Mondariz-Balneario (Pontevedra), 5 de xaneiro de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, vén de visitar as obras de mellora da Praza de Abastos de Mondariz-Balneario, que prevén estar rematadas a mediados deste ano grazas a un investimento próximo aos 400.000 euros dos que a Xunta de Galicia achega o 80 %. Segundo destacou Alén, os traballos están a incidir na redistribición de postos para facer o mercado máis operativo, entre outras melloras en beneficio tanto dos praceiros e praceiras como das persoas consumidoras. Así, as obras consisten tamén —entre outras actuacións— na renovación do pavimento das instalacións, así como no illamento térmico coa conseguinte mellora da eficiencia enerxética.
O director xeral puxo de relevo a orde autonómica para o impulso dunha Rede de Mercados Excelentes de Galicia ao abeiro da que se financiaron estes traballos, unha orde que se consolidará neste 2026. A maiores, segundo dixo, o Diario Oficial de Galicia publicará proximamente a orde que actualizará e simplificará os criterios para a obtención e renovación do selo Mercado Excelente, co gallo de adaptar este recoñecemento ás características dos distintos mercados de abastos galegos e ás novas tendencias de consumo no marco do Plan estratéxico de comercio 2025-2030 e en coordinación co sector.