A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou esta mañá a compra venda de 10,97 hectáreas de terreos privados

A Xunta adquire 7 parcelas máis nas Fragas do Eume e traballa xa nun novo lote para seguir ampliando a superficie pública do parque natural

Ángeles Vázquez subliña que ata o momento xa se adquiriron un total de 120 hectáreas cun investimento de máis de 706.000 euros por parte da Consellería

Estas compras enmárcanse nun programa pioneiro promovido no ano 2024 polo Goberno autonómico co obxectivo de reforzar o peso da superficie pública neste espazo natural, no que o 80% da superficie é de titularidade privada

Pontedeume (A Coruña), 9 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia acaba de formalizar a adquisición de sete parcelas privadas no Parque Natural Fragas do Eume e traballa xa na compra de máis terreos co fin de seguir reforzando e ampliando a superficie de titularidade pública dentro deste espazo protexido.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá en Pontedeume a correspondente escritura de compravenda cos 6 propietarios das fincas, que suman en total 10,97 hectáreas e están localizadas nos concellos de Pontedeume e A Capela.

En total e tendo en conta os seis lotes adquiridos ata o momento a 35 propietarios, o Goberno galego asumiu a propiedade de 103 parcelas privadas neste parque natural, cunha superficie de 120,02 hectáreas e un investimento de 706.870,36 euros.

A maiores, a conselleira avanzou que o seu departamento está a tramitar xa un sétimo lote de parcelas, a través do que se prevé a adquisición de aproximadamente 43 hectáreas adicionais cun investimento reservado de máis de 270.000 euros.

Cómpre lembrar que estas operacións de compra-venda se enmarcan nun programa pioneiro promovido pola Xunta tras a aprobación do Plan de uso e xestión do parque natural no ano 2023 e ten como fin reforzar o peso da superficie pública nun espazo no que o 80% dos terreos son de titularidade privada.

O obxectivo desta iniciativa, que se empezou a materializar en febreiro de 2024 coa compra das primeiras parcelas privadas, é realizar actuacións de conservación e restauración en zonas de máximo interese ecolóxico, eliminando e retirando especies invasoras e mellorando a continuidade das masas de frondosas autóctonas que caracterizan ás Fragas do Eume, un espazo natural protexido que se estende polos concellos de Cabanas, Pontedeume, A Capela, Monfero e As Pontes de García Rodríguez.

De feito, a Xunta considera de vital importancia a realización de actuacións no parque que persigan tanto incrementar a superficie pública de bosques e a súa recuperación como asegurar a conservación da natureza a través do mantemento dos procesos ecolóxicos, a preservación da biodiversidade e a aplicación de medidas que garantan a singularidade da paisaxe e a restauración de recursos naturais degradados.

Neste sentido, cómpre lembrar que o Parque Natural Fragas do Eume, que se atopa nunha zona de marcada influencia oceánica entre o medio litoral do esteiro do Eume e as montañas nas que nace o devandito río, é, a día de hoxe, unha das mostras máis importantes dos bosques sublitorais galegos e un dos poucos bosques atlánticos ben conservados de Europa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/01/2026