Medio Rural colabora coa mostra fotográfica "De cando as vacas son vacas" exposta no concello de Curtis
Curtis (A Coruña), 9 de xaneiro de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na inauguración da mostra fotográfica De cando as vacas son vacas, de José Luis Míguez, que se encontra exposta na Casa Museo de María Antonia Dans, situada no concello de Curtis. No acto destacou o compromiso do Goberno galego coas contornas rurais a través de iniciativas culturais coma esta, que conta co apoio da Consellería.
De cando as vacas son vacas é unha exposición con máis de medio cento de fotografías nas que se amosa a convivencia con estes animais e a conexión que se establece con eles. A conselleira trasladou os seus parabéns ao autor por amosar un rural “tan verdadeiro” no que tamén “hai moito futuro”. A mostra ten carácter itinerante, polo que se trasladará a outros concellos galegos tralo seu paso pola Casa Museo de María Antonia Dans.