A Xunta salienta no V Foro da Castaña do Riós a importancia do castiñeiro e do seu froito para o monte galego
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, participou na inauguración deste evento, que se celebra hoxe e mañá e que congrega a persoal investigador experto de todas as partes do mundo
A directora destacou a aposta da Xunta pola defensa destas árbores frondosas e da xestión conxunta do monte, a diversificación de usos e a bioeconomía verde como principais piares do modelo forestal de Galicia
O Riós (Ourense), 2 de outubro de 2026
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, participou esta mañá na inauguración do V Foro da Castaña, que se celebra hoxe e mañá no Riós. Na súa intervención, salientou a importancia do castiñeiro na procura dun monte ordenado, sostible e rendible e da castaña na historia, tradición e economía de Galicia.
Nesta liña, a directora lembrou o compromiso da Consellería do Medio Rural coa defensa destas árbores frondosas e da xestión conxunta do monte, a diversificación de usos e a bioeconomía verde como principais piares do modelo forestal galego. Así, referiuse ao Plan Forestal de Galicia e, máis concretamente, ao Programa Estratéxico do Castiñeiro e da Produción de Castaña, como follas de ruta que está seguindo a Xunta neste eido.
Deste xeito, salientou que a Consellería está a levar ao cabo accións como a recuperación de plantacións de castiñeiros para froito, a restauración de soutos tradicionais, a promoción da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia ou o control de pragas e enfermidades. Ademais, lembrou que tanto a castaña de Galicia como a madeira dos castiñeiros ocupan un lugar destacado dentro do mercado español e puxo en valor a certificación IXP Castaña de Galicia e o labor do seu consello regulador, que garante as características do produto.
Piñeiro puxo tamén en valor o convenio asinado entre Medio Rural e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde). Este acordo, que conta coa participación activa do Centro de Desenvolvemento Agroforestal do Riós, permitiu crear un programa específico de identificación, vixilancia e promoción da xestión activa dos soutos tradicionais de castiñeiros e das masas de frondosas autóctonas, con especial fincapé na promoción de agrupacións de propietarios para a xestión conxunta sobre figuras de base asociativa, civil ou mercantil, e na loita contra as doenzas do castiñeiro e as frondosas autóctonas.