Rueda anuncia que a Xunta aproba o Plan integral de benestar dixital, que inclúe un Contrato de vida en liña para fomentar a responsabilidade e a desconexión do alumnado
O Consello da Xunta valida esta folla de ruta que inclúe medio cento de accións para xestionar de forma axeitada o uso das tecnoloxías no eido educativo
Destaca que o plan da Consellería de Educación leva aparellado un orzamento de 7,4 millóns de euros para desenvolver estas actuacións nun período de cinco anos ata 2030
Sinala que o Contrato de vida dixital será un documento voluntario que asinarán o centro e o alumnado, de acordo coa familia, sobre uso das tecnoloxías fóra do horario escolar
Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou o Plan integral de benestar dixital, que será, a partir de agora, a folla de ruta para xestionar de forma axeitada a utilización das tecnoloxías no eido educativo e contribuír, deste xeito, á formación de cidadáns dixitais que fagan un uso consciente, responsable e comprometido destas. O documento, que leva aparellado un orzamento de 7,4 M€, inclúe un paquete de “medio cento de medidas” estruturadas en cinco eixes para desenvolver ao longo de cinco anos ata 2030.
Segundo abondou Rueda, o plan, deseñado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, nace co obxectivo de blindar os centros educativos como “contornas dixitais seguras” e saudables onde a innovación avance da man da protección, da igualdade de oportunidades e da defensa dos dereitos e da dignidade das persoas.
Así pois, a través del afóndase na corresponsabilidade e coordinación entre a escola, as familias, as administracións públicas e a industria tecnolóxica para promover o uso responsable da tecnoloxía e a convivencia saudable cos dispositivos dixitais co fin de garantir o benestar emocional na infancia e na adolescencia, traballar na mellora do rendemento escolar e procurar a convivencia equilibrada a prol dun ensino híbrido.
En concreto, o Plan de benestar dixital quere incidir en seis dimensións do impacto tecnolóxico: as conductas de risco e ciberseguridade, os hábitos de vida saudables, a garantía dos dereitos e dos valores democráticos, a convivencia escolar e familiar, a aprendizaxe e desenvolvemento cognitivo e a socialización e o desenvolvemento persoal.
Aproveitar oportunidade e minimizar riscos
O Plan integral de benestar dixital nace, entre outros, do reto de que os escolares empreguen as tecnoloxías aproveitando ao máximo as súas potencialidades e, ao mesmo tempo, minimizando os seus riscos. Precisamente, un dos obxectivos desta folla de ruta é o desenvolvemento do pensamento crítico e a capacidade de toma de decisións informadas á hora de facer uso da tecnoloxía por parte dos estudantes.
Para isto, o presidente destacou que entre as principais actuacións está a posta en marcha do chamado Contrato de vida dixital que busca fomentar a responsabilidade e o compromiso do alumnado. Trátase dun documento de carácter voluntario que asinarán o centro e o alumno, de acordo coa familia, relativo ao uso das tecnoloxías “fóra do horario escolar”. Neste contrato estableceranse unha serie de “obrigas para o alumno” no que atinxe aos tempos, horarios e usos dos dispositivos dixitais e farase un seguimento do seu cumprimento.
A Consellería de Educación facilitará aos centros o documento así como orientacións específicas para facer efectivo o contrato. Nese sentido, incluiranse accións como retos de desconexión dixital como método pedagóxico que contribúa a un uso equilibrado.
Dado que este é un ámbito en continua actualización onde a evidencia científica avanza progresivamente, o plan prevé a creación do Foro galego de benestar dixital, un espazo de reflexión colectiva sobre tecnoloxía e infancia que se reunirá anualmente para debater a evolución do plan cos diferentes profesionais e colectivos implicados nel.
Pensamento crítico e decisións informadas
Rueda sinalou que tamén se introducirá un programa de formación específico para o alumnado sobre alfabetización mediática, verificación de información e intelixencia artificial. En concreto, o programa Na procura da loiada buscará desenvolver habilidades coas que identificar, analizar e verificar información co fin de detectar e “previr a difusión de noticias falsas”.
Deseñarase, así mesmo, unha unidade didáctica que permita aos estudantes identificar, analizar e reflexionar sobre as principais vulneracións de dereitos en contornas dixitais.
Alianza complementaria entre familia e escola
Dado que as familias desempeñan un papel fundamental na educación dixital dos seus fillos desde idades moi temperás, o plan fai especial fincapé na colaboración entre estas e a escola a través dunha alianza onde ambas as partes se complementen.
Partindo da boa acollida da experiencia piloto das charlas e talleres para familias iniciados a finais do pasado ano, o Plan de benestar dixital incidirá nunha serie de accións para formalas e axudalas no labor de acompañamento aos seus fillos neste eido. Entre as medidas previstas está o desenvolvemento do programa de formación Encontros coas familias, para proporcionar estratexias de actuación, resolver dúbidas e formalos no uso de ferramentas de control e seguimento das ferramentas dixitais. Tamén se publicará a guía Clic familiar, con pílulas audiovisuais de profesionais de diferentes ámbitos que ofrezan recomendacións sobre hábitos dixitais saudables.
Prevese, igualmente, a posta en marcha dun programa afectivo-sexual integral, adaptado ás características evolutivas do alumnado e orientado a uso seguro e responsable do ámbito dixital. Con este fin, realizarase tamén unha guía de conduta afectivo-sexual adaptada aos distintos niveis e rangos de idade dos escolares.
No eido do profesorado, traballarase na formación especializada para mellorar o seu desempeño e habilidades en contornas educativas dixitais, o que os axudará tamén a identificar e previr situacións de risco. Así mesmo, tamén se porán en marcha accións enfocadas ao benestar emocional do propio profesorado ante a dixitalización.
Sensibilización sobre os dereitos no eido dixital
Dentro do eixo de sensibilización sobre os dereitos no eido dixital, o plan abrangue unha campaña informativa adaptada a diferentes colectivos para informar dos dereitos esenciais do desenvolvemento tecnolóxico ou a posta en marcha do paquete educativo O bosque dos dereitos, que contará con dilemas, actividades e retos por nivel educativo.
Tamén se fará unha feira dixital anual dirixida a centros educativos e familias, celebrarase o Día internacional da protección de datos e o Día internacional da internet segura nos centros educativos, que terán á súa disposición materiais e recursos para traballar a concienciación sobre o uso responsable da información. Para iso, convocarase un concurso de carteis, vídeos ou microaudios elaborados polo alumnado.
Atender as demandas da comunidade educativa
Rueda destacou que coa aprobación do Plan integral de benestar dixital “dáse resposta a unha demanda da comunidade educativa” no marco da futura Lei de educación dixital de Galicia, un texto que, tal e como destacou o presidente, é pioneiro a nivel estatal e europeo, e que se atopa en tramitación para entrar en vigor o vindeiro curso, así como con outras medidas como a actualización do programa E-Dixgal ou a prohibición do uso de dispositivos móbiles nos espazos educativos.
Neste senso, o Plan de benestar dixital prevé a avaliación periódica do programa E-Dixgal co fin de introducir melloras continuas e a elaboración de orientacións para que os colexios e institutos incorporen no seu Plan dixital do centro aspectos relacionados co equilibrio entre a tecnoloxía, a seguridade e a saúde emocional.
Elaborado por expertos en diferentes ámbitos
Para a elaboración do documento, que agora, tras a aprobación no Consello da Xunta, se porá á disposición da comunidade educativa, contouse coas achegas de recoñecidos expertos dos eido da docencia, da pedagoxía, da psicoloxía, da tecnoloxía e da medicina.
En concreto, estiveron implicados Antonio Rial Boubeta, profesor do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da USC; Susana Rey García, médico pediatra e presidenta da Sociedade de Pediatría de Galicia; María Dolores Fernández Tilve, profesora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC; Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, e o doutor en Dereito, Julio José Fernández, entre outros.