A Xunta abre este venres o prazo de solicitude das axudas para mellorar a competitividade do comercio

O delegado territorial, Javier Arias, explica que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destina case 4 M€ á nova convocatoria de subvencións para impulsar a modernización, a dixitalización e a sostibilidade dos negocios locais e artesanais

Un total de 112 establecementos da provincia lucense beneficiáronse deste programa en 2025, con apoios que suman máis de 670.000 euros

Lugo, 13 de xaneiro de 2026

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración abre  este venres, 16 de xaneiro, o prazo de presentación de solicitudes das axudas para apoiar proxectos de innovación, dixitalización e mellora da sostibilidade do comercio local e artesanal.

O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe Binocular Óptica e Pan do Manuel, dous dos 32 negocios da capital lucense que se acolleron a esta medida o ano pasado. Entre os beneficiarios hai ópticas, ortopedias, xoiarías, establecementos de alimentación, tendas de roupa e elementos deportivos, zapaterías e negocios de téxtil para o fogar, entre outros.

No conxunto da provincia, 112 comercios obtiveron apoio na convocatoria de 2025, con axudas que suman 676.600 euros. Arias informou sobre a nova orde, que estará en prazo de presentación de solicitudes ata o 16 de febreiro. Os trámites deben realizarse online a través da sede electrónica da Xunta.

O orzamento total do programa ronda os 4 M€ e abarca tres liñas compatibles entre si. Unha está orientada á dixitalización e a innovación comercial; outra á modernización e mellora da imaxe; e a última a incrementar a sostibilidade ambiental mediante unha maior conciencia sobre as embalaxes.

Entre as novidades deste ano, destaca a posibilidade de que unha mesma empresa acceda ás achegas para varias tendas. Tamén se ampliará o período subvencionable para atender todas as actuacións realizadas desde o fin do prazo marcado na orde anterior, o 25 de outubro de 2025. Así mesmo, axilizarase a concesión das achegas ao exixir menos documentación complementaria. Ademais, a contía da axuda elévase do 80 % xeral ao 90 % para establecementos implicados no proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas. 

Accións subvencionables

En canto ás accións subvencionables, a liña de dixitalización e innovación comercial inclúe -entre outras- a implantación e mantemento de páxinas web, ferramentas de posicionamento dixital, terminais de autopagamento, xestión de redes sociais ou loxística e-commerce, engadindo como novidade as memorias-proxectos de dixitalización.

Na liña de modernización, cóbrense obras de acondicionamento e reforma da superficie de exposición e venda, incluída a adquisición de mobiliario auxiliar; custos de servizos profesionais para a redacción de proxectos de interiorismo e decoración, así como accións para mellorar a eficiencia enerxética. Tamén abarca a adquisición de maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar relacionado coa actividade comercial e artesanal, incorporando como novidade os aparellos eléctricos de aromatización e fío musical.

Por último, na liña destinada á sostibilidade ambiental, considéranse subvencionables as actuacións dirixidas á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño á dimensión dos produtos, con investimentos en caixas de cartón ou bolsas de papel 100 % reciclado,  recheos para embalaxe, bolsas de tea de algodón, liño ou cáñamo 100 % e, como novidade, bovinas de papel 100 % reciclado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2026