A Xunta participa na reunión do Padroado de Feiras de Lugo, que acordou presentar o recinto feiral como posible sede da Axencia Estatal de Saúde Pública

O delegado territorial en Lugo e o director xeral de Comercio e Consumo apelaron ao traballo conxunto e reiteraron o apoio do Goberno galego á candidatura que vai presentar o Concello

Lugo, 13 de xaneiro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participaron hoxe na reunión extraordinaria do Padroado da Fundación Feiras e Exposicións da cidade, que se celebrou de xeito telemático e na que se aprobou por unanimidade poñer a disposición un espazo dentro do recinto feiral lucense para acoller a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública, recentemente creada polo Goberno central.

Os representantes autonómicos trasladaron o respaldo do Goberno galego á proposta que vai elevar o Concello de Lugo con esta localización e ofreceron a “máxima colaboración” para que a cidade sexa a escollida. Lembraron que o Consello da Xunta acordou este luns avalar oficialmente a candidatura, achegando un respaldo institucional “que reforza e dota de maior solidez” a proposta lucense.

Confirmaron ademais que a Xunta remitiu xa ao Concello os informes sectoriais favorables dos departamentos autonómicos implicados -Turismo, Vivenda, Transportes, Axencia Galega de Infraestruturas e Educación-, co obxectivo de fortalecer a candidatura, así como o informe técnico que acredita a viabilidade do edificio do Departamento territorial de Sanidade para acoller o novo organismo.

Arias e Alén apelaron á “lealdade institucional e ir todos a unha” neste asunto e, unha vez decidido presentar o Pazo de Feiras e Congresos como posible sede da Axencia Estatal de Saúde Pública, ofreceron ao Concello a posibilidade de usar as dependencias do departamento de Sanidade “para o que estimen pertinente neste procedemento”.

Destacaron tamén que a candidatura lucense parte do liderado da Xunta en materia de saúde pública, que se demostra con medidas como a próxima entrada en vigor da Lei que prohibe o consumo e venda de cigarros electrónicos e bebidas enerxéticas a menores, polos seus prexuízos para a saúde, así como cunha sanidade pública á vangarda en vacinación, prevención e detección precoz de enfermidades, que sitúan a comunidade como unha referencia a nivel estatal e internacional.

Data de actualización: 13/01/2026