A Xunta apoia os certames caninos que acolle esta fin de semana o Pazo de Feiras, coa participación duns 1.600 exemplares de 140 razas

A Delegación Territorial albergou a presentación da 115ª e 116ª Exposición Nacional e a 52ª Exposición Internacional Canina

As actividades incluirán probas de beleza, exhibicións, competicións de Agility e a Copa Border Collie Rexional

Lugo, 16 de xaneiro de 2026

O Pazo de Feiras e Congresos de Lugo acolle esta fin de semana unha nova edición de Expo Canina, na que participarán arredor de 1.600 exemplares de 140 razas diferentes. A Xunta colabora coa iniciativa, organizada pola Sociedade Canina Galega.

A Delegación Territorial acolleu hoxe a presentación da cita, coa presenza do delegado territorial, Javier Arias; o presidente da entidade organizadora, Agustín Fontán e o xerente do Pazo de Feiras, Rubén López; entre outros. O acto contou tamén coa presenza dalgúns dos cans de raza que participarán no certame.

Dende hoxe ata o domingo, o recinto feiral será escenario da 115ª e 116ª Exposición Nacional e a 52ª Exposición Internacional Canina. As actividades incluirán probas de beleza, exhibicións, competicións de Agility e a Copa Border Collie Rexional. 

Como cada ano haberá participantes de toda España e doutros países, como Portugal, Francia, Italia e Holanda. Entre as novidades destaca a presenza por primeira vez no certame da raza bulldog campeiro, orixinaria do Brasil.

Arias destacou o prestixio desta cita, “que atrae en cada edición a milleiros de criadores, profesionais e afeccionados ao mundo canino, de dentro e fóra do noso país, o que supón un importante revulsivo para a economía local e a oferta de lecer na cidade”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/01/2026