Medio Rural e as organizacións agrarias remitirán ao Goberno central e Bruxelas un acordo a prol dunha nova PAC forte, con fondos suficientes e diferenciados
A conselleira do Medio Rural presidiu hoxe a reunión do Consello Agrario, que deu luz verde á creación da comisión de traballo sobre a futura PAC para reforzar a defensa dos agricultores e gandeiros galegos e na que se elaborará este texto conxunto
A primeira reunión da devandita comisión de traballo terá lugar o vindeiro día 26
Sobre Mercosur, que tamén foi abordado na xuntanza, cómpre lembrar a necesidade irrenunciable de que o acordo incorpore cláusulas de salvagarda para o sector primario e que os produtos de terceiros países cumpran todas as esixencias
De ser necesario, chegado o caso a Xunta incrementará os controis en Galicia, medida que ten que ir acompasada coa de intensificar as inspeccións na fronteira, cuestión que atinxe ao Goberno central
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2026
A Consellería do Medio Rural e as organizacións profesionais agrarias elaborarán e remitirán ao Goberno Central e a Bruxelas un acordo conxunto en defensa dunha nova PAC forte, con fondos suficientes e diferenciados. Así se acordou na reunión de hoxe do pleno do Consello Agrario, que estivo presidida pola conselleira María José Gómez -acompañada por outros cargos do seu departamento- e que deu luz verde á creación da comisión de traballo sobre a futura PAC dentro deste órgano de participación, asesoramento, diálogo e consulta da Xunta en materia agraria e de desenvolvemento rural. A conselleira explicou que se trata de sumar esforzos para actuar coordinados a prol do sector primario galego diante das negociacións para concretar o Marco Financeiro Plurianual 2028-2032.
Nesta xuntanza, os membros do Consello Agrario valoraron conxuntamente a defensa dunha PAC con recursos suficientes e que blinde non só as axudas directas, senón tamén os fondos para o desenvolvemento rural, co obxectivo de pechar este consenso na primeira reunión da devandita comisión de traballo, que terá lugar o vindeiro día 26 deste mesmo mes de xaneiro. Búscase defender ante o Ministerio de Agricultura, Peca e Alimentación e en Bruxelas un cambio na proposta comunitaria, para evitar un recorte de fondos e a perda dos dous piares actuais.
Así mesmo, a conselleira indicou que nesta xuntanza se puxo en común cos axentes do sector a preocupación pola redución de fondos da PAC para Galicia de polo menos o 22 %, unha porcentaxe que se traduciría en arredor de 80 millóns de euros anuais. Insistiu en que se trata de ter unha futura PAC “forte e ben dotada”, cuns fondos diferenciados que non veñan nunha bolsa común da que outros sectores poidan tamén detraer recursos. Gómez subliñou, neste sentido, que eses fondos “son imprescindibles para dar estabilidade ao sector primario galego”.
Tratado co Mercosur
Outro tema abordado no seo do Consello Agrario foi o tratado de libre comercio entre a Unión Europea e o Mercosur. Neste asunto, a conselleira insistiu en que se deben cumprir estritamente as cláusulas espello e de salvagarda introducidas no tratado, cuestión irrenunciable para a súa posta en marcha, co fin de evitar que incidan nunha “alteración dos prezos” dos produtos agroalimentarios galegos. Tamén, en que calquera importación de terceiros países ten que respectar as esixencias sanitarias que deben cumprir os agricultores e gandeiros galegos, cuxas producións son “as mellores representantes da Galicia Calidade pola que se nos recoñece” e que contan cunha “condicionalidade social que tamén é innegociable”.
Así mesmo, e de ser necesario, chegado o caso a Xunta de Galicia xa manifestou o seu compromiso de incrementar os controis na comunidade ante este acordo, unha medida que ten que ir acompasada coa de intensificar as inspeccións na fronteira, cuestión que é competencia do Goberno central.
O obxectivo final de todas estas iniciativas, segundo explicou Gómez, é seguir traballando a prol do rural, en estreito contacto e coordinación cos seus principais axentes, neste caso no marco do Consello Agrario Galego, a cuxos membros agradeceu o seu labor e compromiso.