A sede da Xunta en Lugo acollerá en setembro o acto de recoñecemento aos adestradores que promove a Real Federación Galega de Fútbol
Lugo, 16 de xaneiro de 2026
A sede da Xunta en Lugo acollerá en setembro unha nova edición do “Día do adestrador e da adestradora”, que organiza a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF). Así o avanzaron o delegado territorial, Javier Arias, e Manuel Castro e Daniel Moirón en representación da Federación, o primeiro como responsable na provincia e o segundo como membro do Comité de Adestradores. Mantiveron hoxe unha primeira reunión preparatoria do evento na que tamén participou o xefe do Servizo de Deportes da Delegación Territorial, Manuel Otero.
Arias gabou o labor dos organizadores, “que hai dous anos xa trouxeron a esta sede as Xornadas de Actualización e Reciclaxe para Adestradores con excelentes resultados, con relatores de gran nivel e a asistencia de máis de 300 persoas”.
Así mesmo, destacou a colaboración que presta a Xunta á RFGF para facilitar o desenvolvemento das súas funcións e actividades, “entre as que destaca o gran traballo que realizan os clubs de fútbol galegos a prol do deporte base”.