A Xunta leva destinados máis de 1,7 M€ á ampliación e mellora enerxética das instalacións do edificio administrativo autonómico en Ferrol
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou a remodelación levada a cabo por importe de 680.000 euros, á que se sumará unha nova pendente de licitarse por outros 208.100 euros para acondicionar un local baleiro na entreplanta do edificio
Neste inmoble tamén se executaron obras de eficiencia enerxética por outros 826.000 euros
As distintas actuacións amosan o compromiso do Goberno galego pola modernización das infraestruturas destinadas a servizos públicos a prol do confort do persoal e a mellor atención á cidadanía
Ferrol, 18 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, comprobou as obras de ampliación levadas a cabo no edificio administrativo autonómico en Ferrol por máis de 680.000 euros, aos que se sumarán outros máis de 208.100 euros para outra actuación pendente de licitar co obxectivo de reformar e acondicionar un local baleiro, integrado nas oficinas situadas na entreplanta do edificio, contigua ao andar primeiro do edificio sede da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Ferrol.
Xunto con estes traballos, neste inmoble tamén se executaron obras de eficiencia enerxética por máis de 826.000 euros, polo que o investimento total da Xunta neste edificio nos últimos anos supera os 1,7 millóns de euros.
Cómpre lembrar que as obras de remodelación xa executadas permitiron a redistribución de espazos nos andares primeiro e sétimo do edificio. Así, a sétima planta alberga a sede da Delegación Territorial da Xunta na cidade ferrolá, e os organismos alí situados trasladáronse á nova superficie ampliada na primeira planta, onde se anexan os espazos correspondentes aos locais da entreplanta da nova estrutura cunha conexión entre ambos os edificios. Na zona anexionada instaláronse os servizos do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.
Agora, coa nova actuación pendente de licitar, o local a acondicionar conectarase coa entreplanta sen intervir nos espazos xa acondicionados e integrándose no distribuidor que percorre toda a superficie desde a conexión co edificio administrativo, e que dá acceso aos despachos, zonas de traballo e servizos. A actuación aproveitará o distribuidor principal actual como acceso aos novos despachos, previstos para unha ducia de traballadores, que ocuparán o espazo do local actualmente sen uso.
Deste xeito, executaranse as instalacións necesarias en materia de electricidade, telecomunicacións, iluminación, climatización, ventilación e protección contra incendios para garantir o correcto desenvolvemento da actividade e o cumprimento da normativa vixente.
Ás actuacións relacionadas coa ampliación de espazos, tanto as executadas como as previstas, súmanse outras obras de mellora de eficiencia enerxética xa realizadas cun investimento de 826.000 euros, que posibilita un aforro tanto económico como enerxético, ao reducir evitar a emisión anual de dióxido de carbono.