A Consellería do Medio Rural destaca o potencial do lácteo dentro do sector agrogandeiro galego

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, inaugurou hoxe o IV Foro Empresarial do Lácteo organizado por EFA-Fonteboa

Salientou algunhas das liñas de apoio coas que conta a Consellería en materia de mellora de explotacións, incorporación de mozos ou transformación e comercialización de produtos agrarios, nas que o lácteo ten especial relevancia

Ademais, o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, participou nun coloquio sobre a PAC no novo Marco Financeiro Europeo Plurianual 2028-2034, no que lembrou o rexeitamento de Galicia

Coristanco (A Coruña), 21 de xaneiro de 2026

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, inaugurou hoxe o IV Foro Empresarial do Lácteo, organizado por EFA-Fonteboa no concello de Coristanco. Durante a súa intervención, destacou o potencial do lácteo dentro do sector agrogandeiro galego cunha produción que representa o 42 % do leite que se obtén en España.

Ademais, explicou as liñas de apoio coas que conta a súa dirección xeral para apoiar ao sector agrodandeiro en Galicia. Entre elas, salientou as destinadas a plans de mellora nas explotacións, das que se benefician principalmente aqueles dedicadas á actividade gandeira; as de incorporación de mozos, nas que destacan beneficiarios ligados a granxas de vacún de leite; ou as de transformación e comercialización de produtos agrarios, das cales aproximadamente o 40 % das axudas se destinan a industrias do sector lácteo.

Neste sentido, cómpre salientar que a Consellería do Medio Rural vén de convocar as axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios, que este ano contan cun orzamento 19 millóns de euros ata 2028. Os interesados en obter unha subvención para financiar tanto investimentos para a construción e reforma de inmobles como para a compra de maquinaria e equipamentos novos ou programas informáticos, entre outros, teñen de prazo para presentar a súa solicitude ata o 16 de febreiro.

Novo marco financeiro europeo

O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, participou tamén neste Foro, concretamente nun coloquio sobre a PAC dentro do Marco Financeiro Plurianual 2028-2034 da Comisión Europea. Nel trasladou aos asistentes a proposta existente nesta materia e explicou a posición do Executivo autonómico neste sentido.

Desde Galicia amosouse en reiteradas ocasións o rexeitamento á proposta da PAC a partir de 2028, por supoñer un recorte de fondos, postura que se ten defendido tanto ante o Ministerio de Agricultura como en Bruxelas en sucesivas ocasións desde que se coñeceu o plan. Estímase que esta redución de orzamento sería máis dun 20 %, o que suporía uns 80 millóns de euros anuais menos para o rural galego.

A proposta trae consigo a perda de fondos e dos dous piares diferenciados que non só blindan as axudas directas, senón tamén os de desenvolvemento rural. Por iso, o 26 de xaneiro terá lugar a primeira reunión da comisión de traballo da nova PAC, no seo do Consello Agrario, coa participación das organizacións profesionais agrarias, na que elaborará un documento que será remitido ao Ministerio e a Bruxelas en defensa dunha PAC forte e dotada cos recursos suficientes e diferenciados para apoiar ao sector primario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/01/2026