O conselleiro de Sanidade, acompañado da secretaria xeral técnica, Natalia Lobato, presentou o balance do Plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal
Gómez Caamaño destaca os resultados do plan de mellora da incapacidade temporal da Xunta, coa revisión de 107.500 procesos que motivou 26.000 altas
Subliña que o obxectivo é lograr que os procesos de baixa laboral sexan máis eficientes tanto para o paciente como para o facultativo que a prescribe, así como para o sistema público que financia a prestación
A unidade de apoio a áreas sanitarias que rexistran unha duración das baixas superior á media citou en 2025 preto de 1.000 traballadores, determinando que en máis dun 47 % dos procesos valorados non estaba xustificada a baixa
Emitíronse máis de 4.260 partes de baixa desde os servizos de admisión dos hospitais para cirurxías con ingreso programado, co que se reducen os trámites burocráticos para os pacientes e os profesionais de atención primaria
Incluíronse na historia clínica dos pacientes preto de 1.300 probas diagnósticas realizadas polas mutuas, axilizando a atención á incapacidade temporal
A Consellería de Sanidade asumirá o asesoramento médico necesario para a concesión de licenzas por enfermidade ao persoal da Xunta asegurado con Muface e Mugeju
Este Plan procura unha xestión de baixas máis operativa, máis eficaz e máis áxil, poñendo no centro do sistema os pacientes e os profesionais implicados na xestión desta prescrición
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, valorou esta mañá os resultados do Plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal da Xunta, posto en marcha en agosto de 2024, que permitiu unha revisión de 107.435 procesos que deu lugar a 25.991 altas e á citación para valoración presencial de 34.213 pacientes.
Así o trasladou o conselleiro de Sanidade en rolda de prensa, xunto coa secretaria xeral técnica da Consellería, Natalia Lobato, na que destacou que as medidas activadas están encamiñadas a lograr que estes procesos de incapacidade temporal sexan máis eficientes tanto para o paciente que solicita a baixa como para o facultativo que a prescribe, así como para o sistema, que financia a prestación.
Gómez Caamaño resaltou especificamente os resultados acadados pola unidade de apoio creada para apoiar reforzar a valoración conxunta entre persoal inspector e médicos de atención primaria na xestión das baixas en áreas sanitarias que rexistran unha duración das baixas superior á media. En concreto, citou preto de 1.000 traballadores e en máis dun 47 % dos procesos valorados non estaba xustificada a permanencia na situación de incapacidade temporal.
Tras as entrevistas realizadas cos facultativos, principais xestores da prestación de incapacidade temporal, citáronse 258 pacientes na área de Santiago de Compostela e Barbanza, causaron alta 66 pacientes e iniciouse o expediente de incapacidade permanente para tres pacientes.
Na área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, citáronse 241 pacientes, causaron alta 31 e iniciouse o expediente de incapacidade permanente en dez casos.
Na área de Ferrol, foron citados 194 pacientes, 37 deles causaron alta e en tres procesos iniciouse o expediente de incapacidade permanente.
E na área da Coruña e Cee, citáronse 270 pacientes, con 79 altas.
O plan da Xunta avanza coa extensión na actualidade do traballo desta unidade de apoio na área de Pontevedra e O Salnés e na de Vigo.
Como conclusións recollidas tras este traballo de apoio, os profesionais dos centros de saúde manifestan o seu interese nunha colaboración máis activa por parte da Inspección de Servizos Sanitarios.
Para a mellora da prestación de incapacidade temporal no ámbito da Xunta, a Inspección de Servizos Sanitarios da Consellería de Sanidade revisou 757 procesos de empregados públicos, finalizando coa alta de 208 casos tras as actuacións inspectoras desenvolvidas.
Ademais, Gómez Caamaño indicou que, na reunión do Consello da Xunta do pasado luns, foi autorizada a encomenda de xestión á Consellería de Sanidade da valoración das baixas do persoal da Administración autonómica que non está adscrito á sanidade pública e que elixiron a mutualidade de funcionarios Muface ou de persoal de xustiza Mugeju.
Polo tanto, os servizos de Inspección de Servizos Sanitarios da Consellería de Sanidade convértense, durante os próximos catro anos, en unidades de asesoramento facultativo ás que os órganos de persoal das consellerías poderán solicitar informe para valorar incapacidades temporais e a concesión ou prórroga, no seu caso, de licenzas por enfermidade.
Comprobarase, deste xeito, que a situación de baixa laboral se adecúa a situacións clínicas nas que o repouso debe formar parte do tratamento clínico.
Menos trámites para pacientes
A posta en marcha do Plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal da Xunta supuxo a emisión de 4.268 partes de baixa desde os hospitais do Servizo Galego de Saúde.
O conselleiro de Sanidade resaltou o beneficio para os pacientes xa que se lles facilitan os partes médicos de incapacidade temporal directamente desde o hospital ás persoas ingresadas e cunha cirurxía programada, sen ter que ir ao médico de cabeceira. Con esta medida redúcense os trámites burocráticos para pacientes e para os profesionais da atención primaria.
Por áreas sanitarias, a da Coruña e Cee o ano pasado emitiu 933 partes; a de Santiago de Compostela e Barbanza, 740; a de Ferrol, 333; a de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, 547; na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, 538; na de Vigo, 836; e na de Pontevedra e O Salnés, 341.
Coa mesma finalidade de reducir trámites e evitar duplicidades, desde finais de 2024 intégranse na historia clínica electrónica parte das probas diagnósticas que realizan as mutuas para evitar a prolongación innecesaria da situación de incapacidade temporal. Isto axiliza a continuidade asistencial do paciente e facilita a toma de decisións do médico de Atención Primaria. En 2025, o Servizo Galego de Saúde incluíu 1.282 probas das mutuas con este obxectivo.
As medidas recollidas no plan impulsado pola Consellería de Sanidade pretenden acadar unha xestión de baixas máis operativa, máis eficaz e máis áxil.