A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Vedra (A Coruña) un establecemento beneficiario en 2025 desta orde de apoios

Lorenzana anuncia axudas para a instalación de desfibriladores nas estacións de servizo do rural

A medida forma parte do paquete de apoios aprobado o pasado ano pola Xunta para gasolineiras situadas en concellos de menos de 20.000 habitantes ou ben, como novidade, naquelas parroquias que teñen a consideración de zonas pouco poboadas

Estas axudas tamén cobren as instalacións necesarias para a implantación do servizo de retirada de diñeiro en efectivo, sistemas de seguridade e a adquisición de grupos electróxenos e de alimentación interrompida para dar soporte eléctrico

O importe total desta nova convocatoria é de 800.000 euros, cun máximo de 30.000 euros por solicitude; ata 5.000 euros para adquirir grupos electróxenos, e ata 1.500 euros para a instalación de desfibriladores

Vedra (A Coruña), 24 de xaneiro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que desde hoxe e ata ao vindeiro 9 de marzo xa se poden solicitar as axudas da Xunta para as estacións de servizo do rural, que este ano tamén cobren, como novidade, a adquisición e instalación de desfibriladores.

Acompañada da directora xeral de Estratexia Industrial e solo Empresarial, Margarita Ardao, Lorenzana visitou hoxe a estación de servizo Ponte Ulla, en Vedra (A Coruña), un destes establecementos beneficiario en 2025 desta orde de apoios destinada á mellora do equipamento tecnolóxico e dixital das gasolineiras situadas no rural galego e, tamén, para sistemas de seguridade.

As estacións de servizo deben estar situadas en concellos de ata 20.000 habitantes, de acordo cos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, ou ben, como novidade, naquelas parroquias que teñen a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais, no caso de estaren emprazadas en municipios de máis de maior poboación.

Como o ano pasado, estes apoios tamén cobren as instalacións necesarias para a implantación do servizo de retirada de diñeiro en efectivo, así como outros equipamentos de pagamento e plataformas para a adquisición de produtos e servizos. Tamén a instalación de sistemas de seguridade, e a adquisición de grupos electróxenos e de alimentación interrompida para dar soporte eléctrico.

O importe total desta convocatoria é de 800.000 euros, cun máximo de 30.000 euros por solicitude; ata 5.000 euros para a adquisición de grupos electróxenos; e ata 1.500 para a instalacións de desfibriladores.

Retirada en efectivo en máis dun cento de estacións de servizo

O pasado ano, beneficiáronse destas axudas un total de 45 estacións de servizo: 17 na provincia da Coruña, 8 en Lugo, 14 na de Ourense e 6 en Pontevedra. Por outra banda, con respecto ás gasolineiras nas que xa se pode retirar efectivo, cómpre salientar que, polo de agora, son 104: 66 na provincia da Coruña, 21 en Pontevedra, 9 na de Ourense e 8 en Lugo.

“É unha liña que busca que as estacións de servizo situadas en zonas do rural e, polo tanto, máis despoboadas, poidan ofrecer o maior número de produtos e servizos, precisamente para que os veciños teñan todo o que poidan necesitar ao seu alcance”, dixo Lorenzana.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2026