A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, xunto á directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, destacou a actuación que discorrerá entre os núcleos de Alende e A Espedregueira
Allegue presenta en Moraña a próxima senda da Xunta na PO-221 no municipio, que terá un investimento de preto de 380.000€
O proxecto de trazado deste itinerario peonil e ciclista de algo máis de medio quilómetro entre os núcleos de Alende e A Espedregueira está a exposición pública ata o 4 de marzo
A conselleira destaca que a actuación permitirá o tránsito cómodo e seguro nesta zona da estrada que serve de paso ás persoas que se desprazan cada ano á multitudinaria Romería dos Milagres de Amil, unha das celebracións referente do concello
A previsión da Xunta é licitar no segundo trimestre deste ano estas obras, que terán un prazo de execución de nove meses
Moraña (Pontevedra), 24 de xaneiro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, presentou hoxe en Moraña a nova senda peonil e ciclista na PO-221, que terá un investimento da Xunta por preto de 380.000€. Este itinerario de algo máis de medio quilómetro discorrerá entre os núcleos de Alende e A Espedregueira.
Allegue enmarcou este proxecto no compromiso do Goberno galego coa seguridade viaria e coa “humanización” e transformación das estradas autonómicas para facilitar os desprazamentos das persoas a través de itinerarios peonís e ciclistas, ademais de fomentar un estilo de vida máis saudable.
A senda proxectada prolongarase algo máis de medio quilómetro da marxe dereita da estrada entre os citados núcleos e será un itinerario mixto, que vai permitir a circulación confortable de peóns e ciclistas. O itinerario contará cunha anchura da zona mixta de 2,02 metros e entre o novo itinerario e a estrada prevese aproveitar o espazo para dispoñer a rede de sumidoiros ao longo da PO-221.
O proxecto está na actualidade en fase de información pública, ata o 4 de marzo, para a presentación de posibles suxestións.
A conselleira explicou que este proxecto recolle unha demanda do Concello para facilitar o tránsito peonil nesta estrada PO-221, pola que neste punto pasan unha media de 2.900 vehículos ao día, e que ademais é zona de paso no verán para as persoas que acoden á multitudinaria Romaría dos Milagres de Amil, unha das celebracións máis multitudinarias e referente de Moraña.
Avanzou que tras a aprobación do proxecto de trazado o pasado día 12 no Consello da Xunta e da actual fase de información pública, a previsión é que se poidan licitar as obras da senda no segundo trimestre deste ano. Os traballos terán un prazo de nove meses, de xeito que se espera que estea rematada no 2027.
Allegue quixo destacar tamén a intensa colaboración co Concello de Moraña no eido das infraestruturas e tamén no da vivenda. Neste senso, a Xunta rematou recentemente as obras de reforzo de firme na PO-226 ao paso polo municipio, cun investimento ao paso de case 900.000€, dentro da aposta en conservación e seguridade da rede viaria autonómica.