Diego Calvo destaca o deporte teense como unha peza fundamental dos éxitos do deporte galego
O xogador de billar Álvaro Lama-Pereira, o Club Galogrín de baloncesto feminino, o Club Aeromodelismo Estela, Manuel Rodríguez Lueiro e Terio Carrera son os premiados nesta segunda edición
Teo (A Coruña), 30 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou no serán de hoxe na II Gala do Deporte Teense onde reivindicou a importancia do concello como “peza fundamental dos éxitos do deporte galego” cunhas 2.000 licenzas federativas e unha vintena de clubs.
Diego Calvo felicitou ao ente municipal por unha gala que o ano pasado viviu a súa primeira edición premiando a deportistas de gran dimensión como o futbolista David Mella, a karateka Ruth Lorenzo ou o ex ciclista Ezequiel Mosquera.
Con respecto aos galardoados neste ano, o titular de Deportes destacou o futuro de Álvaro Lama-Pereira, referente internacional do billar; o traballo en equipo do Club Galogrín, esencial no baloncesto base feminino; a traxectoria do Club Aeromodelismo Estela, con máis de tres décadas de historia; a dedicación de Manuel Rodríguez Lueiro, principal valedor do SD Cacheiras ou a paixón de Terio Carrera que leva catro décadas divulgando as bondades do deporte galego.
Todos eles, dixo, contribúen a formar esa Galicia activa e saudable que conta con 320.000 licenzas federativas, preto de 1.800 deportistas de alto nivel e con 200 olímpicos e paralímpicos ao longo da súa historia.