Medio Rural publica a relación de máis de 5.700 aspirantes para as probas físicas e visuais para o persoal do servizo contra incendios forestais
O Diario Oficial de Galicia detalla as características das probas e avanza que as visuais terán lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), situada en Santiago de Compostela, nos días 9, 10 e 11 de febreiro de 2026
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) inclúe hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se publica a relación de persoas aspirantes que deberán realizar as probas físicas e visuais dos integrantes das listas de determinadas categorías do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (SPIF). En total, están convocadas 5.795 persoas, por seren integrantes das listas. Esta relación pode consultarse no seguinte enderezo electrónico: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/areas-tematicas/prevencion-incendios.
A proba física, coñecida como Field Test, consiste en camiñar 3.200 metros sobre terreo plano cun peso de 11 kg ás costas nun tempo máximo de 30 minutos. O resultado da proba será de apto ou non apto. As persoas aspirantes deberán presentar, no prazo de cinco días hábiles contados desde mañá, día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, un certificado médico oficial que acredite que non padecen enfermidade ou discapacidade que impida a correcta realización dunha proba de esforzo físico.
Este certificado deberá ter unha antigüidade máxima de 3 meses e presentarase a través da sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal. Unha vez revisados os certificados médicos, a convocatoria concreta para a realización das probas físicas publicarase mediante resolución posterior no DOG.
Probas visuais
As probas visuais consisten na avaliación da agudeza visual afastada en ambos os ollos e da visión cromática, mediante dispositivo tipo Visiotest ou equivalente. O resultado será igualmente de apto ou non apto.
As probas visuais terán lugar no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), situada na rúa Madrid 2-4 (Fontiñas), en Santiago de Compostela, nos días 9, 10 e 11 de febreiro de 2026. As persoas convocadas deberán presentarse no día e hora indicados na relación publicada na ligazón https://ovmediorural.xunta.gal/gl/areas-tematicas/prevencion-incendios.
As persoas que non se presenten ás probas, non as realicen ou non obteñan a cualificación de apto, quedarán en suspensión nas listas ata a realización de novas probas, non podendo ser contratadas ou nomeadas mentres tanto.
O resultado das probas será comunicado á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal da Consellería de Facenda e Administración Pública, para a súa integración nas listas para cobertura de postos.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260202/AnuncioG0426-270126-0001_gl.html