Ana Ortiz anima á cidadanía a mercar no comercio local e participar na campaña de San Valentín de Zona Náutico
A delegada territorial da Xunta en Vigo destacou o apoio do Goberno galego para fomentar o consumo nos establecementos de proximidade
Vigo, 2 de febreiro de 2026
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este luns a campaña de “San Valentín” da man do Centro Comercial Aberto Zona Náutico, representado polo seu presidente, César Ballesteros. No acto, celebrado no establecemento Royal Perfumes, na rúa Marqués de Valladares, a representante autonómica destacou o apoio do Goberno galego ao comercio local para fomentar o consumo nos establecementos de proximidade.
Ortiz destacou a liña de axudas outorgada tanto a asociacións de comerciantes como federacións, así como as subvencións para implantar e impulsar a estratexia dixital e modernizar o sector comercial. “Animo á cidadanía a mercar no comercio local e quero felicitar aos organizadores desta iniciativa para incentivar as compras nunha das zonas máis visitadas da cidade, tanto por turistas como polos cidadáns”, sinalou.
Tamén indicou que a través desta campaña, os responsables de Zona Náutico, pretenden dar visibilidade a área comercial de toda a contorna, un espazo aberto ao mar no centro da cidade. A campaña pretende estimular as compras directas nos establecementos asociados. César Ballesteros, presidente de Zona Náutico, explicou que durante esta iniciativa sortearanse varias experiencias no Hotel Nagari entre os clientes con compras mínimas de 12 euros.