A Xunta agradece o labor do CIFP Ferrolterra a prol da inserción laboral do alumnado

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, inaugura as XX Xornadas Ensino-Empresa que se desenvolven ao longo de toda a semana

Ferrol, 2 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia recoñeceu hoxe o esforzo e o compromiso do Centro Integrado de Formación Profesional Ferrolterra na organización das XX Xornadas Ensino-Empresa, unha iniciativa dirixida a reforzar a empregabilidade e a inserción laboral do seu alumnado. Así o destacou a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, durante a inauguración deste encontro, impulsado polo propio centro educativo.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional puxo en valor o traballo desenvolvido polo CIFP Ferrolterra para estreitar lazos entre o ámbito educativo e o tecido produtivo, favorecendo que o alumnado coñeza de primeira man as oportunidades laborais vencelladas á súa formación. Nas xornadas participan distintos departamentos do centro, que dan a coñecer as posibilidades de inserción profesional dos diferentes ciclos formativos.

A actividade tamén conta coa colaboración de arredor de 40 empresas da contorna, que achegan a súa experiencia e coñecemento ao alumnado a través de relatorios, mesas redondas e actividades prácticas. Entre elas destacan as mesas de captación de talento, nas que participaron diversas entidades empresariais interesadas en incorporar novos profesionais formados en FP.

Auxe da FP na comarca

A directora xeral tamén subliñou o crecente interese das empresas da comarca pola colaboración coas ensinanzas de Formación Profesional. Neste senso, lembrou que o sistema educativo galego acadou neste curso un novo récord histórico de alumnado matriculado en ciclos e másteres de FP, con máis de 71.200 estudantes, o que supón un incremento do 3,5 % respecto ao curso anterior e máis do dobre que no curso 2008/09. Na área de Ferrol contabilízanse este ano 5.042 matriculacións, un 3,6 % máis ca no curso pasado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2026