A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático mantivo un encontro cos responsables de Asoporcel

A Xunta e os criadores de raza porcina celta avalían fórmulas para reforzar o control do xabaril e evitar os danos nestas explotacións

Ángeles Vázquez expón a posibilidade de adoptar medidas específicas como a instalación de gaiolas trampa en explotacións agrícolas ou gandeiras onde se teña constatada a presenza reiterada de xabarís e que non existan solucións alternativas

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2026

A Xunta e a Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel) analizan fórmulas coas que reforzar o control do xabaril e evitar os danos nestas explotacións.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, trasladoulle aos representantes da entidade que nestes momentos está declarada a emerxencia cinexética en Galicia -a quinta vez desde 2019- co fin de controlar as poboacións de xabaril na comunidade, pero que a maiores se poden adoptar medidas específicas como a instalación de gaiolas trampa en explotacións agrícolas ou gandeiras onde se teña constatada a presenza reiterada de xabarís e que non exista outra solución alternativa.

A responsable autonómica, que estivo acompañada pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, incidiu en que se trata dunha medida que se emprega como alternativa ás accións cinexéticas en lugares estratéxicos frecuentados polo xabaril en zonas urbanas e periurbanas e que tamén se instalaron en distintos espazos naturais protexidos. Nesta liña, subliñou que podería ampliarse o seu uso a casos de interese para Asoporcel sempre que o resto de medidas postas en marcha pola comunidade non dean resposta a problemas específicos xurdidos na contorna das explotacións.

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático salientou que a declaración da emerxencia cinexética está vixente desde mediados de outubro do ano pasado ata o próximo 22 de febreiro en máis do 80% do territorio galego e que permite capturar xabarís todos os días do ano. Trátase, lembrou, dun instrumento provisional e extraordinario para axilizar a aplicación de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie naquelas zonas nas que existe maior incidencia, a través de distintas modalidades e procedementos de captura.

O fin último é eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie mediante a adopción de medidas que axuden a previr no posible futuros danos. Non obstante, trátase dun instrumento adicional e complementario á caza regrada dentro dos terreos de réxime cinexético especial e común e tamén ás actuacións de control por danos, que seguen a desenvolverse en paralelo nos termos fixados na resolución anual pola que se regula a caza en Galicia e nos protocolos de actuación establecidos ao efecto.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2026