A Xunta convoca máis de 1.100 prazas para que alumnos e docentes se formen no estranxeiro este verán

Román Rodríguez presenta o programa Galemundo, que vai permitir que máis de 8.300 persoas realicen estadías en diferentes países este curso co apoio da Xunta

O conselleiro destaca que esta iniciativa contribúe a consolidar a nosa posición como líderes en inglés en España e promove a internacionalización do ensino galego

Os estudantes de Bacharelato e universidades poden solicitar as bolsas desde mañá ata o 3 de marzo, mentres que o profesorado poderá facelo ata o 24 de febreiro

A maiores, alumnado de FP de centros Erasmus+ pode solicitar durante este mes axudas para realizar formación en empresas no estranxeiro

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou a convocatoria hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) dun total de 1.123 prazas para que alumnos e docentes viaxen ao estranxeiro este verán para mellorar a súa formación a través do programa Galemundo. Fíxoo nunha visita ao Instituto Plurilingüe de Ames na que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, onde presentou esta ambiciosa iniciativa de internacionalización do sistema educativo galego que, en total, suma 8.300 prazas para todo o curso grazas a un investimento de case 18 M€.

En concreto, hoxe convócanse as estadías lingüísticas en países estranxeiros tanto para alumnado de Bacharelato como para universitarios. Nas primeiras, cun total de 647 prazas, os rapaces reforzan o seu coñecemento de idiomas en Alemaña, Canadá, Reino Unido, Francia e Portugal. O Goberno galego faise cargo dos gastos derivados do custo dos cursos, a manutención, aloxamento, traslados e actividades complementarias.  O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ata o 3 de marzo.

No segundo caso, dirixida a alumnado universitario, 168 en total, poderán realizar un curso de idiomas en calquera país do mundo, cun mínimo de 45 horas lectivas, entre o 1 de xuño e o 31 de agosto. A axuda será de 1.200€ para estadías en Europa e de 1.500€ para o resto do mundo. As bolsas poderán solicitarse desde mañá ata o 3 de marzo.

A maiores, tamén se convocan este martes no DOG 308 prazas de estadías no estranxeiro para docentes de inglés, francés, alemán e portugués de Infantil, Primaria, Secundaria, FP e Ensinanzas de Réxime Especial, así como para profesores de materias ou módulos non lingüísticos impartidos en linguas estranxeiras nestas etapas. Neste caso, o programa ten dúas modalidades: unha de integración na vida escolar, sen obrigas lectivas, en centros escolares de Canadá, Francia ou Portugal durante dúas semanas, no primeiro trimestre do curso 26/27; outra para facer un curso de formación de dúas semanas en xullo de 2026 en Reino Unido, Francia, Portugal ou Alemaña.  O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ata o 24 de febreiro.

Ademais, a Consellería publicará este mércores no DOG dúas convocatorias de axudas para que estudantes de FP realicen estadías no estranxeiro en empresas e entidades similares que fortalezan o seu coñecemento de idiomas, melloren as súas competencias técnicas e adquiran unha visión empresarial global. Neste caso, a solicitude realízase a través dos centros, pois a convocatoria vai dirixida a aqueles que participan nos proxectos Erasmus+ correspondentes. As bolsas, que se poderán solicitar ao longo de febreiro, serán dun máximo de 1.750€ para a viaxe e de ata 950€ ao mes durante a mobilidade.

Líderes en nivel de inglés

“Estas convocatorias enmárcanse no programa Galemundo, que inclúe tamén intercambios e outras accións no marco do programa Erasmus+, e que permite que máis de 8.300 alumnos e profesores participen en experiencias formativas fóra de España co obxectivo de mellorar as súas competencias en linguas estranxeiras”, destacou o conselleiro. “A Xunta inviste este curso preto de 18 M€ neste programa para apoiar estas mobilidades”, detallou Román Rodríguez, que enmarcou esta iniciativa na aposta da Xunta por consolidar a posición de Galicia como referente no plurilingüismo.

“Este ano, por segunda vez consecutiva, o informe Education First (EF) sitúanos como a comunidade con maior nivel de inglés de España”, lembrou o conselleiro, cunha puntuación de 563 puntos, 23 máis que a media de España e 73 máis que a media global. “Ademais, Galicia rexistra este curso un novo récord histórico de auxiliares de conversa, un total de 690, multiplicando por máis de 10 o número dos que había en 2009”, afirmou o conselleiro, quen recordou que o Goberno central está a poñer en risco a continuidade deste programa de cara ao vindeiro curso pola discrepancia de dous ministerios.

Actividades no IES de Ames

Precisamente, o conselleiro coñeceu hoxe os distintos programas que desenvolve a Xunta de Galicia no Instituto Plurilingüe de Ames para fomentar a aprendizaxe de idiomas. Entre eles, destacou as actividades realizadas cos auxiliares de conversa, así como o intercambio con alumnado procedente de Noruega. Tamén puxo como exemplo a actividade Global Classroom, unha nova iniciativa posta en marcha este ano en Galicia que promove o debate en inglés en oito centros e do que sairá un centro gañador con dous alumnos que representarán á nosa Comunidade a nivel internacional na final na ONU.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/02/2026