A Rede Galega de Promoción da Saúde, recoñecida co premio de investigación Manuel Piñeiro
O responsable da Rede, Xermán Bugallo, acada o premio da Fundación Manuel Piñeiro e da Fundación Hipocrática do Colexio Oficial de Médicos da Coruña por un proxecto de promoción da actividade física e bos hábitos nutricionais en maiores
Este traballo encádrase no espírito do Plan Obesidade Zero da Xunta, que incorpora medidas de prevención e promoción da saúde en todas as idades
O recoñecemento evidencia como o traballo desde a propia Administración pública fortalece a promoción da saúde e a prevención, consolidando Galicia como referente na atención á saúde da poboación maior
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2026
O responsable da Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) da Consellería de Sanidade, Xermán Bugallo, vén de ser recoñecido co Premio de Investigación Manuel Piñeiro polo seu labor na promoción de hábitos de vida saudables na poboación maior.
O proxecto premiado na convocatoria organizada pola Fundación Manuel Piñeiro e pola Fundación Hipocrática do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, denominado A marcha galega, céntrase na actividade física organizada e na mellora de hábitos nutricionais en persoas maiores, contribuíndo a previr complicacións asociadas ao sobrepeso e promovendo a calidade de vida nesta etapa da vida.
Este proxecto encádrase dentro do espírito do Plan Obesidade Zero da Xunta, que incorpora medidas de prevención e promoción da saúde en todas as idades, incluíndo programas específicos para persoas maiores.
A Consellería destaca que este recoñecemento evidencia como o traballo desde a propia administración pública fortalece as políticas de promoción da saúde e prevención, consolidando Galicia como referente na atención á saúde da poboación maior.
O Goberno galego mantén o seu compromiso con medidas integradas de promoción da saúde, que inclúen programas de actividade física, educación nutricional e iniciativas comunitarias adaptadas ás persoas maiores, seguindo os principios do Plan Obesidade Zero e incorporando as últimas evidencias científicas en saúde pública.