O virus respiratorio sincitial continúa a descender e a positividade sitúase no 8,7 %

Na última semana rexistráronse 25 ingresos de persoas maiores de 60, dos cales 15 teñen máis de 80 anos

A cobertura vacinal en bebés nados en campaña desde setembro é do 93,8 %

En febreiro continúa aberta a posibilidade de que calquera persoa maior de idade poida participar no ensaio clínico Sincigal, que ten como obxectivo avaliar a redución de ingresos hospitalarios na poboación adulta mediante a vacinación fronte ao VRS

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026

A taxa de positividade do virus respiratorio sincitial continúa a descender e sitúase no 8,7 % na semana 6 do ano, que rematou o día 8 deste mes, tal e como recolle o informe semanal de seguimento deste virus que publica a Consellería de Sanidade. 

Na semana recollida no informe, observouse un descenso da taxa de consultas no grupo dos menores de dous anos, agás no dos menores de dous meses no que a taxa aumentou un 50,6 %. 

En canto ás hospitalizacións, rexistrouse un ingreso no grupo de nados entre abril e setembro de 2025 e producíronse tres hospitalizacións de lactantes menores de dous meses. 

Nestes grupos, a cobertura da inmunización fronte ao VRS é do 93,8 % no caso dos bebés que son vacinados nos hospitais galegos ao nacer dentro das datas da campaña e do 95 % para os nados fóra de campaña, de abril a setembro de 2025.

Sobre ingresos hospitalarios de nenas e nenos que xa pasaron algunha tempada de VRS, na última semana produciuse un ingreso entre os nados do 1 de abril de 2024 ao 31 de marzo de 2025; e outro ingreso no grupo de nados entre o 1 de abril de 2023 ao 31 de marzo de 2024.

En adultos, na pasada recollida no informe rexistráronse 25 ingresos con VRS en maiores de 60 anos, dos cales 15 correspóndense a maiores de 80.

Oportunidade dos adultos de participar no ensaio clínico Sincigal 

Calquera maior de idade que desexe participar no ensaio clínico Sincigal, que ten como obxectivo avaliar a redución de ingresos hospitalarios na poboación adulta mediante a vacinación fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS), pode facelo acudindo sen cita previa nos puntos habilitados nos hospitais, en distintos horarios, dispoñibles na web do estudo.

Do mesmo xeito, tamén están activos os máis de 130 centros de saúde participantes, que figuran na seguinte ligazón.

Como ata agora, a participación implica a posibilidade de recibir ou non a vacina, de forma aleatoria, e posteriormente poder comprobar a súa efectividade na diminución de hospitalizacións en persoas vacinadas e sen vacinar.

As persoas interesadas en participar neste estudo teñen á súa disposición o teléfono gratuíto 900 842 217 e a web do proxecto sincigal.com para resolver dúbidas.

Data de actualización: 11/02/2026